4 de out. de 2024

O ROSAL

O Rosal rexeita a subida unilateral do canon de Sogama para manter un modelo de xestión do lixo obsoleto  

 O Goberno municipal aprobou en pleno unha moción contra esta medida impulsada pola Xunta que suporá un custo adicional de máis de 70.000 euros que repercutirá na veciñanza  

 O Concello propón un modelo máis sostible e xusto para a xestión dos residuos  

 

  Un dos centros de compostaxe comunitarios postos en marcha polo Concello do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

 O Rosal rexeita de forma firme a suba do canon de Sogama. O Goberno municipal aprobou onte en pleno - cos votos en contra do Partido Popular - unha moción amosando o seu total desacordo co novo incremento do canon do lixo, unha subida acumulada do 60% proposta pola Xunta de Galicia e que suporá para O Rosal un incremento repentino e unilateral de máis de 70.000 euros que repercutirá directamente no incremento do custo para os propios veciños e veciñas.  

 “Non se trata dunha subida para manter un servizo de calidade, melloralo ou cambiar un modelo de xestión obsoleto económica e medioambientalmente promovido pola Xunta. O grave é que esta é unha suba imposta polo Goberno autonómico de forma unilateral que traslada á veciñanza as penalizacións e custos extra que supón manter un modelo de incineración e transporte atrasado desde fai máis de 20 anos que vai en contra de todo o que marca Europa, que tiña que estar xa extinguido”, recalcou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 Trátase dunha subida coa que os municipios pasarán de pagar 66 euros por tonelada como no ano 2023 a 108 euros o vindeiro 2025, un incremento “desproporcionado e abusivo do canon aos concellos consecuencia do fracaso estrepitoso do sistema actual de Sogama, baseado na incineración e no depósito en vertedoiro, métodos obsoletos penalizados pola normativa europea de residuos”.  O Concello do Rosal leva dende o ano 2019 apostando por un cambio no modelo dos residuos coa compostaxe como eixo central. O Goberno municipal implementou un sistema pioneiro de compostaxe individual que atende a case un milleiro de vivendas ao que se suman aos centros de compostaxe comunitaria. Unha iniciativa que permitiu no 2022 xestionar máis de 275 toneladas de biorresiduos en orixe. Estas medidas complementáronse coa posta en marcha de servizos como o préstamo de biotrituradoras e o punto verde municipal, fomentando unha xestión de residuos máis limpa, eficiente e respectuosa co medio ambiente.  

 Este modelo, que reduce emisións de gases de efecto invernadoiro e mellora os índices de reciclaxe acorde coa normativa europea, contrasta radicalmente co sistema de Sogama. Por este motivo, o Concello do Rosal insta á Xunta a repensar a política de residuos, favorecendo a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe, e solicita a creación dunha comisión de traballo entre Sogama, as consellerías de Medio Ambiente e Facenda e a FEGAMP para determinar as condicións do canon para o 2025 antes da aprobación dos orzamentos da comunidade autónoma e para debater un novo modelo de xestión de residuos máis equitativo e sostible para os municipios, con fórmulas para a redución do canon en función do compromiso ambiental de cada concello ou co financiamento de modelos de xestión alternativos no que prime o tratamento de proximidade dos biorresiduos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario