27 de set. de 2024

TUI

Indignación en Tui pola decisión da Xunta de suprimir o Departamento de Portugués no IES San Paio, un centro clave na Eurocidade Tui-Valença 

 A Comunidade Educativa do IES San Paio manifesta a súa profunda preocupación e o rexeitamento ante a eliminación dun departamento pioneiro no ensino do portugués en Galicia, que representa un golpe ao fomento da lingua e cultura portuguesa, en contra do espírito da Lei Paz Andrade 


IES San Paio de Tui 
Foto: Cedida



Infogauda / Tui

 A comunidade educativa do IES San Paio de Tui, centro educativo de referencia na ensinanza da lingua portuguesa en Galicia, expresou a súa preocupación e desacordo coa recente decisión da Consellería de Educación da Xunta de Galicia de suprimir o Departamento de Portugués do centro. Esta decisión chega nun momento en que a demanda da lingua portuguesa nunca foi tan elevada, tanto a nivel de alumnado como en relevancia estratéxica, dada a proximidade do centro a Portugal e a súa integración na Eurocidade Tui-Valença. 

 O IES San Paio foi o primeiro centro de Galicia en crear un Departamento de Portugués, sendo pioneiro na oferta desta lingua moito antes de que outros centros da comunidade autónoma comezasen a impartir esta materia. A súa situación xeográfica, a apenas un quilómetro da fronteira con Portugal, e a súa participación na Eurocidade Tui-Valença, subliñan a importancia de manter o ensino desta lingua e fomentar os vínculos culturais e educativos co país veciño. 

Elevada demanda de portugués e avances educativos 

 O Claustro destaca que o número de estudantes matriculados en portugués é dos máis altos da súa historia. En total contan con 100 alumnos cursando esta materia, e o interese pola lingua continúa en etapas superiores, con alumnado que o vindeiro curso se examinará de Portugués nas probas PAU. Ademais, hai unha proposta para introducir unha sección bilingüe en portugués en 3º de ESO na materia de Historia, ampliando a presenza da lingua noutras áreas do currículo escolar. 

 Ademais, o IES San Paio ten acadado resultados excelentes nos exames do CAPLE (Centro de Avaliação de Português Língua Estrangeira), co envío anual de entre sete e oito estudantes de ESO para obter os niveis B1 e B2, cunha taxa de éxito do 100%. Este curso, ademais, está organizada unha viaxe de estudos a Madeira para 1º BAC, fortalecendo os lazos culturais coa lusofonía.

A decisión da Xunta contradí a Lei Paz Andrade 

 A comunidade educativa do IES San Paio considera que a decisión de eliminar o Departamento de Portugués carece de xustificacións obxectivas. O argumento da administración de que o portugués "non é a primeira lingua do centro" podería aplicarse igualmente a outros departamentos, como o de Francés, que non se ve afectado por esta medida. Ademais, a eliminación do departamento contradí os obxectivos da Lei 1/2014, do 24 de marzo, coñecida como Lei Paz Andrade, que foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia. Esta lei busca favorecer e potenciar o ensino do portugués nos centros educativos de Galicia, obxectivo que se ve comprometido por esta decisión. 

O valor dun departamento propio de Portugués 

 Manter o Departamento de Portugués é fundamental para garantir unha planificación pedagóxica axeitada, que permita elaborar programacións específicas adaptadas ao contexto transfronteirizo de Tui, desenvolver actividades escolares e extraescolares que promovan o coñecemento da lingua e cultura portuguesas, e asegurar un seguimento personalizado do alumnado. A súa eliminación sería un paso atrás significativo para a oferta educativa do IES San Paio e un retroceso na integración cultural nunha rexión onde o portugués é fundamental. 

Unha loita xa gañada no pasado 

 Non é a primeira vez que o Departamento de Portugués do IES San Paio, constituído hai 21 anos, enfróntase á ameaza da súa supresión. Hai uns anos, xa se intentou eliminar, pero a forte oposición da comunidade educativa e o apoio do entorno social de Tui conseguiron reverter esa decisión. Agora, a comunidade volve unirse para reclamar que se manteña este departamento esencial para a cohesión entre Galicia e Portugal, e para garantir o cumprimento dos principios establecidos pola Lei Paz Andrade. 

Solicitude á Consellería de Educación 

 Dende o IES San Paio de Tui solicitan formalmente á Consellería de Educación que reconsidere a súa decisión e manteña o Departamento de Portugués, asegurando así unha formación lingüística e cultural completa para o alumnado, e mantendo vivo o proxecto educativo que fomenta a integración transfronteiriza entre Galicia e Portugal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario