29 de set. de 2024

GONDOMAR

EXPOSICIÓN 

Da terra ao tear 

Visitable martes e xoves de 9 a 14 h. Grupos poden concertar cita no teléfono 664 663 283 

Local do Instituto de Estudos Miñoráns 

Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda. da Feira nº 10 (Gondomar)




IEM / Gondomar

 O cultivo do liño e o seu posterior procesamento ocupou aos homes e ás mulleres que viviron nas terras do Miñor durante boa parte do Antigo Réxime. O seu fiado e tecido, no marco dunha industria doméstica, deu traballo a fiandeiras, calceteiras, teceláns ou tratantes, estes últimos, encargados de percorre as feiras e mercados de todo o país ofrecendo os productos extraídos dunha planta herbácea sementada nas terras de todas as parroquias de Baiona, Nigrán e Gondomar ata finais do século XIX. Ata chegar ao fío, precedían tarefas de transformación que se iniciaban entre finais de abril e comezos de maio coa sementeira da liñaza. Ao ter un palmo, a planta precisaba da limpeza das malas herbas, un coidado que perduraba ata o mes de xullo ou agosto cando, maduro o liño, se arrincaba, se enfeixaba e se ripaba, a fase consistente en separar do talo a bagaña (casula da semente). As plantas entón asolagábanse nun rego ou nunha poza durante nove días. Postas a secar, chegaba o momento do mazado e o tascado, os primeiros pasos para obter do talo a fibra e deixala limpa. Este proceso remataba no rastrelado ou asedado onde, pasado o liño por un peite de ferro, se obtiñan distintas calidades de fibra. Entre os quefaceres cotiás, as mulleres continuaban ocupadas no fiado manual coa axuda do fuso e dunha roca. O fío resultante pasaba ao sarillo, un trebello capaz de formar madeixas que, posteriormente, se branquearían para un mellor acabado.  Aquel fío convertiríase en novelos coa axuda da devadoira. Chegaba entón a complexa preparación posterior do tear no que tecer os lenzos, as pezas da vestimenta persoal ou a roupa da cama. Percorrer o longo proceso de transformación do liño, a través das ferramentas e dos diferentes estados da planta no devir do mesmo, é posible na mostra Da terra ao tear, exposta na Aula de Cultura Ponte de Rosas, sede do Instituto de Estudos Miñoráns…

Ningún comentario:

Publicar un comentario