18 de xul. de 2024

TURISMO

Alda Hotels abre o seu primeiro hotel en Segovia e refórzase en Galicia  

O grupo galego alcanza as dezasete aperturas no que vai de ano, que supuxeron sumar 11 novas localizacións á súa oferta  


Habitación do hotel Alda Alpina, en Vilanova de Arousa


Raquel Silva / Redacción

 A cadea santiaguesa Alda Hotels continúa presentando novidades na súa rede hostaleira, nesta ocasión co anuncio de catro novas aperturas, coas que suma un total de dezasete inauguracións nas provincias de Pontevedra, A Coruña, Lugo, Zaragoza, Toledo, Segovia e Navarra. De feito, o crecemento rexistrado en 2024 supuxo tamén un incremento da súa oferta en canto a destinos, logrando nestes meses ter presenza en 11 novas localizacións.   


Alda El Espinar, en Segovia

 Unha delas está situada na comunidade de Castela e León, onde a compañía xa contaba con aloxamentos en sete das nove provincias, estreándose en Segovia con Alda El Espinar, sendo Ávila a única na que aínda non conta con ningún aloxamento. O novo hotel ten 3 estrelas, 66 habitacións e está situado no municipio del Espinar.   


Apartamentos de Alda Cabanas Nature, en Cabanas (A Coruña)

 Doutra banda, o grupo segue ampliando o seu catálogo na comunidade de Galicia, onde alcanzou xa os 39 aloxamentos. Este ano inaugurou o seu primeiro establecemento na localidade coruñesa de Cabanas, o hotel Alda Cabanas Playa, e no mesmo municipio acaba de abrir as portas de Alda Cabanas Nature, un establecemento que conta con albergue e apartamentos.   

 Tamén na Coruña, concretamente no concello de Ribeira, a compañía suma o hotel Alda Ribeira, anteriormente denominado hotel Áncora, e que dispón con 27 habitacións. Ademais, en Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra, acaba de estrear Alda Alpina, un hotel de 2 estrelas e 19 estancias.   

 Alda Hotels inclúe estas tres aperturas levadas a cabo na comunidade galega á súa liña de hoteis de praia Alda Beach, recentemente presentada aos medios de comunicación, e á que pertencen neste momento 18 aloxamentos da cadea situados en tres comunidades distintas. A súa principal característica é precisamente, a súa proximidade a diferentes areais, pero tamén ao centro urbano das respectivas localidades nas que se sitúan.   

17 aperturas en 2024   

 Antes destas catro novidades, Alda Hotels asinara trece incorporacións á súa rede en 2024, tras sumar nos seis primeiros meses do ano un total de oito aloxamentos na comunidade de Galicia (Alda Castelao e Alda Carril, na localidade pontevedresa de Vilagarcía de Arousa; Alda Fogar do Mariñeiro en Ribadeo, e Alda Triacastela no municipio do mesmo nome, ambos na provincia de Lugo; Alda Boiro e Alda Barraña Praia no concello coruñés de Boiro; Alda Coruñamar, na Coruña, e Alda Cabanas Praia, en Cabanas); outros tres en Castela-A Mancha (Alda Hospedería de los Reyes, Alda Suites de los Reyes e Alda Muralla de Toledo, todos eles na cidade de Toledo), un en Aragón (Alda Triskel, en Sos del Rey Católico, Zaragoza) e outro en Navarra (Alda Egüés Rooms, situado na localidade de Egüés).   

 Nestes momentos, a cadea ultima os preparativos doutras dúas aperturas que se producirán nas próximas semanas, unha na comunidade de Cantabria e outra na provincia da Coruña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario