18 de xul. de 2024

A GUARDA

ORPAGU centrará a súa xornada de pesca na caída de consumo de peixe, máis dun 34% na última década  

• Entre os temas para discutir neste evento atópanse a problemática dos produtos veganos que imitan aos produtos pesqueiros, a promoción, e as implicacións da iniciativa cidadá para prohibir a comercialización de aletas soltas.




Mar Bermúdez / A Guarda

 A Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) celebrará mañá venres 19 de xullo a décima edición da súa Xornada Internacional sobre a Pesca de Grandes Migradores. O evento, que terá lugar no Concello da Guarda, reúne a expertos e representantes do sector pesqueiro de toda España para abordar temas cruciais como o mercado e o consumo actual dos produtos pesqueiros, que caeu máis do 34% no últimos dez anos. 

 O evento contará coa presenza de representantes das administracións galega e central, directores de organizacións pesqueiras, e expertos en márketing e sustentabilidade. Entre os temas para discutir inclúense a problemática dos produtos veganos que imitan aos produtos pesqueiros, a promoción do peixe no mercado español, e as implicacións da iniciativa cidadá para prohibir a comercialización de aletas soltas. 

Programa do evento: 

 A inauguración do acto correrá a cargo de Joaquín Cadilla, presidente de ORPAGU; Roberto José Álvarez Carrero, alcalde da Guarda e Alfonso Villares, Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia. 

 Unha vez iniciada oficialmente, a xornada comezará co relatorio da directora xeral de Conxemar, Yobana Bermúdez, que falará sobre “A problemática dos produtos veganos que imitan aos produtos pesqueiros”. Tras a súa intervención celebrarase unha Mesa redonda sobre “Como afrontar a promoción do peixe no mercado español”, na que intervirán Antonio Basanta, Director Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Xunta de Galicia; Purificación González, Subdirectora Xeral de Promoción dos Alimentos de España, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; Óscar Mozún, Director Estratéxico Global e Director de Comunicación en Marketing en TACTICS EUROPE, e Àngels Segura, Responsable de Sector Produtos do Mar, AECOC. 

 Despois do coloquio, será a quenda de Lucía Sarricolea, Coordinadora de Área da Subdirección Xeral de Acordos e Organizacións Rexionais de Pesca, Dirección Xeral de Pesca Sostible, Secretaría Xeral de Pesca, que achegará máis información sobre a “Iniciativa cidadá sobre a prohibición da comercialización de aletas soltas: STOP FINNING – STOP THE TRADE”. 

 Por último, terá lugar unha mesa redonda sobre como afectaría o sector pesqueiro a iniciativa cidadá sobre a prohibición da comercialización de aletas soltas.  Juana Mª Parada, Directora Xerente de ORPAGU, Francisco Fernández, Técnico de OPROMAR; Edelmiro Ulloa, Director Xerente de OPNAPA e Sergio López, Director Xerente de OPPBURELA serán os protagonistas desta charla. 

 Tras a lectura das conclusións por Juana Mª. Parada, os asistentes poderán gozar dunha degustación de produtos capturados pola frota da organización.  

 Esta xornada, que se enmarca dentro do Plan Plurianual de Pesca de 2024 da OPP49, é cofinanciada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMPA). Este apoio reflicte a importancia de iniciativas como estas para o desenvolvemento sostible do sector pesqueiro, promovendo prácticas responsables e a conservación dos recursos mariños. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario