18 de xuño de 2024

TUI

Hoxe creouse a comisión organizadora do 800 aniversario da catedral de Tui

Cuxa celebración comezará o 30 de novembro de 2025 e se prolongará ata o 1 de decembro de 2026


Esta mañá tivo lugar na Casa do Concello de Tui unha xuntanza para a constitución da comisión organizadora do 800 aniversario da consagración da catedral de Tui 

Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Esta mañá tivo lugar na Casa do Concello de Tui unha xuntanza para a constitución da comisión organizadora do 800 aniversario da consagración da catedral de Tui que tivo lugar o 30 de novembro de 1225. Á reunión asistiron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, e o deán do Cabido da catedral tudense, José Diéguez Dieppa.     

 Participaron tamén no encontro a directora territorial en Pontevedra da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, María José Echevarría; o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial, Nuno Almeida; a vicepresidenta da Cámara Municipal de Valença, Ana Paula Xavier; o vicepresidente da Cámara de Comercio de Tui, Emilio Estévez; e o responsable de prensa da Subdelegación do Goberno, Daniel Santalla. Escusou a súa asistencia, por un imprevisto, Roberto José Álvarez Carrero, en representación da Deputación de Pontevedra.  

 O rexedor tudense, agradeceu a presenza dos representantes das diversas institucións que acudiron a esta convocatoria na que se definiron os obxectivos desta conmemoración que promove conxuntamente o Cabido catedral e o Concello de Tui.  

 Os obxectivos que se marcaron nesta xuntanza abranguen os seguintes aspectos:  

 Celebración dos 800 anos da consagración da Catedral de Tui como expresión da fe dunha comunidade. 

 Conmemoración deste aniversario como fito histórico e artístico: a catedral tudense posúe a primeira expresión da escultura gótica na Península Ibérica e posúe un amplo conxunto de bens patrimoniais de alto interese. 

 Fortalecer a significación da catedral na Península Ibérica, pois foi durante moitos séculos a sede dun territorio que formaba parte de dous reinos expresando esta condición transfronteiriza, elemento substancial actualmente no proceso de construción europeo. 

 Intensificar a condición da catedral de Tui como un dos principais elementos referenciais do Camiño Portugués que recibe anualmente máis de 120.000 peregrinos de múltiples nacionalidades, co engadido que o ano 2026 é o ano previo ao novo Ano Santo Xacobeo 2027. 

 Mellorar as condicións de conservación da Catedral tudense e do seu conxunto catedralicio así como do conxunto histórico da cidade de Tui do que forma parte. 

 Fortalecer a promoción turística da catedral e da cidade. 

 Foi acordada a creación dun comité de honra deste evento e se analizaron posibles actividades a desenvolver ao longo desta celebración que comezará o 30 de novembro de 2025 e se prolongará ata o 1 de decembro de 2026. Todos os asistentes coincidiron na oportunidade que se presenta con este aniversario e a necesidade de coordinación entre as institucións participantes para lograr unha conmemoración digna e que incentive as dinámicas da promoción turística de Tui e da propia catedral sen esquecer a súa significación espiritual.  

 Esta comisión terá continuidade nos vindeiros meses para analizar as propostas concretas que se presenten para a elaboración dun programa de actividades arredor deste oitocentos aniversario da catedral tudense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario