4 de xuño de 2024

OIA

A Oficina de Turismo de Oia acolle a exposición itinerante de RURALtXA!  

A mostra fotográfica inaugurarase este xoves día 6 ás 12h e poderá visitarse entre o 8 e o 23 de xuño 

 


Panel do proxecto RURALtXA! na praza da Centinela (Oia)
Foto: C.O.


Infogauda / Oia   

 O Oficina de Turismo de Oia acollerá, este xoves día 6 de xuño, a presentación da exposición fotográfica itinerante do proxecto RURALtXA!, unha iniciativa que busca impulsar a bioeconomía rural revalorizando usos tradicionais do monte e gandería extensiva á vez que conserva a biodiversidade, prestando especial atención ás áreas de queirogal e turbeira. A mostra, que fai un percorrido polas relacións entre as xentes e o medio ambiente, así como pola flora, fauna e hábitats do proxecto; poderá visitarse do 8 ao 23 de xuño. 

 RURALtXA! é un proxecto en consorcio entre as universidades da Coruña e Santiago de Compostela xunto á Fundación Hazi, o cal conta coa poio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. 

 Lévase a cabo en 5 áreas de Euskadi e 4 de Galicia. Na nosa comunidade, traballa en espazos da Rede Natura como a Serra do Xistral e Monte Maior, en Lugo, e outras zonas de montaña como a Serra da Faladoira, na Coruña, e a Serra da Groba, en Pontevedra. Nesta última, o proxecto traballa na conservación das áreas de queirogal e do sistema tradicional de cabalos salvaxes no monte, así como das turbeiras da Valga e Viladesuso. O concello de Oia concentra a meirande parte das comunidades de montes da Serra da Groba participantes no proxecto.  

 Os queirogais dependen dos cabalos salvaxes e da gandaría extensiva para o seu mantemento e conservación. Coa perda destas actividades tradicionais, a supervivencia deste valioso ecosistema de montaña vese ameazada. Fronte a isto, co impulso e a posta en valor das actividades agrogandeiras tradicionais ante a sociedade preténdese contribuír ao mantemento destes hábitats de interese comunitario.  

Inauguración da exposición  

 No marco deste proxecto deseñouse unha exposición fotográfica itinerante para dar a coñecer os valores das turbeiras e queirogais e das actividades tradicionais que sustentan estes hábitats. A mostra fai un percorrido polas relacións entre as xentes e o medio ambiente, así como pola flora, fauna e hábitats do proxecto. 

 O xoves ás 12:00 horas celebrarase a presentación desta exposición, organizada pola UDC e USC, en colaboración co Concello de Oia. Terá lugar na Oficina de Turismo, situada ao pé do mar, co mosteiro de Oia, e a Serra da Groba, ao fondo. Cristina Correa, alcaldesa de Oia, xunto con Jaime Fagúndez, investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña e coordinador de RURALtXA!, inaugurarán a mostra nun evento aberto ao público. As persoas asistentes terán a oportunidade de coñecer mellor o proxecto e realizar unha visita guiada á exposición. 

 A mostra fotográfica poderá ser visitada a partires do 8 xuño, de mércores a domingo, en horario de 10:00 a 16:00, ata o 23 de xuño, na Oficina de Turismo de Oia. Posteriormente pasará a outros concellos do entorno da Serra da Groba, como O Rosal, para logo comezar o seu percorrido no entorno da Serra do Xistral.  

 As entidades relacionadas coa temática medioambiental ás que lles interese acoller a exposición de RURALtXA! nas súas instalacións poderán solicitalo poñéndose en contacto a través da páxina web https://ruraltxa.com  

Ningún comentario:

Publicar un comentario