5 de xuño de 2024

O ROSAL

Xuño, mes da diversidade no Rosal 

Charlas, arte e xogos encherán a programación deste mes para promover a diversidade e a igualdade en espazos seguros  


Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal, con  Beatriz Rodríguez, concelleira de Igualdade
Foto: C.O.R.  


Infogauda / O Rosal

 O Rosal comprométese de novo coa promoción da diversidade e da igualdade. O Concello organiza durante todo o mes de xuño unha serie de actividades para todos os públicos “creando espazos seguros no que rosaleiros e rosaleiras poidan explorar e comprender a diversidade. Son xornadas de diversión, aprendizaxe e reflexión para seguir traballando xunto se xuntas para garantir que todas as persoas se sintan seguras e respectadas”, como explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 




 Tras o remate dos Cafés en Igualdade, os xoves continuarán reservándose no Rosal para seguir revoluncionando mentes. Así, este 6 de xuño, da man de San Xerome Emiliani en colaboración co Concello chega o Orgullo LGTBI SanXe 2024 – Universo Diverso, coa presentación a partir das 12.30 horas do mural do orgullo elaborado polas persoas usuarias da asociación. Ademais, o alumnado de 5º de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier mergullarase na diversidade a través do xogo da Mouchiña LGTBI elaborado polo departamento da biblioteca do San Xerome Emiliani, ‘Máis ca libros’. 


 Xa a vindeira semana arrancan os Faladoiros no Xardín, encontros organizados polo Concello do Rosal cos que se busca crear un espazo seguro para ser e sentir a diversidade. Deste xeito, os tres últimos xoves de xuño o xardín traseiro do Concello acollerá a partir das 20.30 horas estas citas especiais nas que se abordarán diferentes temáticas relacionadas coa diversidade afectivo sexual e a protección á infancia.  

 A primeira cita será o 13 de xuño, no que da man da sexóloga Erea Devesa o público afondará sobre ‘Identidades diversas, realidades invisibles’. A experta explicará como a diversidade fai referencia a todas as posibilidades que teñen as persoas de poder vivir e expresar a súa sexualidade, incluíndo a expresión de xénero, orientacións e identidades.  

 O xoves 20 de xuño os faladoiros continuarán con Teresa Calvo e ‘Ollos que non queren ver. Detección do abuso sexual a menores’. A pediatra e especialista cun amplo estudo sobre os abusos sexuais na infancia e adolescencia, abordará os riscos aos que se enfrontan nenas, nenos e adolescentes e como garantir contornas seguras evitando toda forma de violencia e promovendo o desenvolvemento integral.  

 O mes da diversidade pecharase o 27 de xuño coa charla ‘Medrando con orgullo, desterrando a LGTBIQfobia’ da man de Outrora, unha cooperativa que xurde no ano 2022 no Baixo Miño co obxectivo de crear espazos seguros de transformación e liberdade. Con elas, o público asistente reflexionará sobre a correlación entre estereotipos, prexuízos e discriminación, tres conceptos vinculados á LGTBIQfobia. 

 A concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, convida a toda a veciñanza a participar e gozar destas actividades “que buscan crear unha sociedade máis xusta e inclusiva para todas e todos. Queremos que a veciñanza, especialmente infancia e mocidade, teñan acceso a espazos seguros nos que explorar esta diversidade con liberdade e sen medos”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario