4 de xuño de 2024

O ROSAL

O Rosal visto dende o alto coa nova andaina interpretativa ata o Niño do Corvo  

A ruta será o 16 de xuño e terá unha dificultade moderada. As persoas interesadas en participar poden xa inscribirse na web municipal ou no Rexistro do Concello   


Vista desde o Alto do Niño do Corvo
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal  

 O Concello do Rosal segue achegando cada recuncho do municipio coas súas andainas interpretativas, pequenos percorridos pola contorna para descubrir e poñer en valor o patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e natural dun xeito ameno, sinxelo e divertido.  

 O domingo 16 de xuño será a quenda da terceira saída, un roteiro matinal ata o Alto do Niño do Corvo no que desfrutar de pesqueiras, viñedos, este espectacular miradoiro na Serra do Argalo e visita á Pedra Furada nun percorrido de grande interese paisaxístico, histórico e excelentes vistas sobre a foz do Miño e o monte Santa Trega.  

 Trátase dunha andaina cunha distancia de 8 quilómetros e unha duración aproximada de 3,5 horas que ofrece un percorrido circular cun desnivel acumulado de 350 metros e cunha dificultade moderada.  

 As persoas interesadas en participar poden xa inscribirse nesta nova ruta a través dun formulario habilitado na web municipal ou de forma presencial no Rexistro do Concello. É imprescindible realizar un rexistro por cada persoa participante. O número de prazas estará limitado a un máximo de 30 persoas e abrirase unha lista de agarda unha vez superado o aforo.  

 É importante lembrar que todas aquelas inscricións realizadas antes do 4 de xuño non serán válidas e que é necesario volver a rexistrarse a través do procedemento establecido. Comunicarase ás persoas participantes a hora e o lugar de encontro para a realización da actividade. 

 Como explica José Carlos Martínez Crespo, concelleiro de Turismo e Deportes, con esta serie de andainas “queremos que veciños, veciñas e visitantes descubran e aprecien a riqueza do noso concello cunha actividade saudable ao aire libre que nos permite sensibilizar a todas as persoas participantes sobre a importancia de preservar e valorar a nosa contorna”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario