4 de xuño de 2024

O ROSAL

O Rosal achégase á realidade das persoas refuxiadas con ‘Vía Morta’  

Culturactiva e Pallasos en Rebeldía estarán este xoves 6 de xuño ao Centro Social Polivalente con este espectáculo inmersivo  



  

Infogauda / O Rosal

 Unha experiencia inmersiva coa que achegarse á realidade das persoas refuxiadas e na que o público é unha personaxe máis. Así é ‘Vía Morta’, un espectáculo co que Culturactiva e Pallasos en Rebeldía chegarán este xoves 6 de xuño ao Centro Social Polivalente do Rosal en dobre sesión: para o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier ás 12.30 horas, e para público xeral ás 20.30 horas.  

 Dirixido por Eva Egido e baseado nas campañas que realizou a ONG Pallasos en Rebeldía nas súas viaxes a diversos campos de persoas refuxiadas, este espectáculo trata sobre a crise humanitaria na que viven as persoas en busca de refuxio e a resposta moitas veces inhumana dos gobernos europeos. O fío condutor da obra son as performance que o clown Iván Prado leva anos realizando en campos e noutras zonas de conflito. Xunto a Prado estarán tamén en escena Anabell Gago, Fran Rei e Rocío Salgado.  

 Neste espectáculo, o escenario convértese nunha tenda dun campamento rodeada dunha alambrada. Durante o acceso á sala, un policía indicaralle ás e aos espectadores voluntarios que pasen directamente ao escenario e que senten no chan, porque eles e elas van vivir a experiencia como unha persoa refuxiada máis á que se lle pechou a porta de entrada á Unión Europea. 

 Cun estilo cru e directo, ‘Vía Morta’ pretende que as e os espectadores se metan na pel das persoas refuxiadas para xerar reflexión e crear empatía coa situación na que viven. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario