27 de xuño de 2024

O ROSAL

A exposición fotográfica “A distancia crítica”, inaugúrase este sábado no Rosal 

Serán cinco miradas críticas fronte a realidade, en busca dunha verdade 




Alberte Alonso / O Rosal

 O próximo sábado 29 de xuño, ás 20:30h, inaugúrase no espazo expositivo do mercado do Rosal e GastroBar Daordaría, a exposición fotográfica colectiva "A distancia crítica". Mostrará cinco enfoques moi diferentes da denominada fotografía “de rúa”,   aínda que os autores queren afastarse desa etiqueta. 

 “O acto fotográfico supón unha reflexión diante da realidade á que o fotógrafo/fa se enfronta. Un posicionamento crítico fronte á realidade, en busca de -como decía Balmes- a verdade ou, alo menos, dunha verdade. Dita aproximación ao mundo faise dende a distancia, a que brinda unha cámara”, explican os autores.  

 Precisamente este é o denominador común dos traballos que aquí se presentan: cinco reflexións do cotián e do espazo público. 


Foto: Teté Estate

 Teté Estate, natural de O Carballiño, membro da Asociación Fotográfica “Os Potiños” e finalista do XVII premio de fotografía “Luís Ksado”, participará coa serie “Muros”, unha intersección física e simbólica entre o “eu” e o “non eu” . 


Foto: Gonzalo Arnejo

 Gonzalo Arnejo, aínda que vive en Madrid é pontevedrés, dedicase de cheo á fotografía na rúa dende hai uns 12 anos, e desenvolveu boa parte da súa acción fotográfica no Metro de Madrid. Presentará parte deste traballo, coa serie “Polímero”. 


Foto: Berto Pereira

 Tamén estará presente o ciclo “Algures”, do marinense Berto Pereira. Berto practica e domina varias disciplinas fotográficas: retratos, fotografía de paisaxes e fotografía minimalista, pero desde hai un par de anos a súa obra adquiriu un carácter máis documental, interesándose tamén pola “fotografía de rúa”. 


 Foto: Pablo Yarza

 Pablo Yarza, tamén mariñés. Afondou na fotografía de rúa e de viaxes en 2016; Nun principio fíxoo de forma totalmente autodidacta e posteriormente formouse asistindo a obradoiros específicos. Aquí exporá unha pequena mostra da súa obra “Los Días Raros”, un proxecto que se pode definir entre o persoal e o documental. 


Foto: Alberte Pereira


 E por último, o fotógrafo local, aínda que nado na Guarda, Alberte Pereira, afonda e reflexiona sobre o espazo urbano, as formas de dominación como a publicidade e arquitectura, ou a alienación social, a través da fotografía. Presentará unha escolma do seu traballo, “Universo Peripatético”, que xa expuxo en gran formato no mesmo lugar. 

 A mostra poderá visitarse ata o 31 de xullo, no horario habitual do gastro bar Daordaría. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario