3 de xuño de 2024

ECONOMÍA

A CIG convoca mobilizacións diante do INSS o 5 de xuño polo dereito a unha xubilación digna para todas e todos 


A CIG ten en marcha unha campaña en defensa do dereito a unha xubilación digna para todas/os
Foto. CIG

Infogauda / Santiago de Compostela 

 Menos de ano e medio despois de aprobar a última reforma das pensións, o Goberno español prepara unha modificación da xubilación parcial e da anticipada por coeficientes redutores. Na súa practica habitual, o executivo autodenominado 'máis progresista da historia' usurpa os dereitos de representación institucional das centrais coa condición de máis representativas, como a CIG, e suplanta os organismos públicos polo diálogo social, abordando de maneira opaca unha reforma que ameaza con introducir novos recortes no sistema público de pensións. 

 En resposta á falta de información sobre o que se está a negociar, a CIG ten en marcha unha campaña en defensa do dereito a unha xubilación digna para todas e todos. Neste marco, a central nacionalista ten convocadas para o próximo 5 de xuño asembleas comarcais de delegadas e delegados e mobilizacións posteriores nas oficinas do INSS para reivindicar transparencia, que se teñan en conta as propostas da CIG nestas materias e os seus dereitos de participación institucional. Constátanse os recortes A instancias da CIG, o secretario xeral, Paulo Carril, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, reuníronse o 16 de maio en Madrid co secretario de Estado de Seguridade Social para coñecer o que se está a negociar e trasladarlle ás propostas da CIG. No encontro denunciouse a opacidade e o secuestro que fai o Goberno español deste cambio normativo a través do diálogo social, saltándose os organismos públicos, e a negativa a respectar o papel institucional de todos os sindicatos que, como a CIG, teñen a condición de máis representativos. 

Horas e lugares das mobilizacións 

• Pontevedra: ás 12h, manifestación dende a Biblioteca Pública do Estado (rúa Alfonxo XIII) até o INSS. Nesta mobilización participará o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. 

• A Coruña: ás 12h, concentración no CAISS (rúa Félix Estrada Catoira). 

• Ferrol: 12h, concentración diante do INSS (rúa Catalunya). 

• Lugo: ás 12:30h, concentración diante do INSS (Ronda Músico Xosé Castiñeira). 

• Santiago de Compostela: ás 12h, manifestación dende a Praza de Galiza até o INSS. 

• Ourense: ás 12h, concentración diante do INSS (rúa Concello). 

• Vigo: ás 12h, manifestación dende os Capuchinos até o INSS. 

Constátanse os recortes 

 A instancias da CIG, o secretario xeral, Paulo Carril, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, reuníronse o 16 de maio en Madrid co secretario de Estado de Seguridade Social para coñecer o que se está a negociar e trasladarlle ás propostas da CIG. 

 No encontro denunciouse a opacidade e o secuestro que fai o Goberno español deste cambio normativo a través do diálogo social, saltándose os organismos públicos, e a negativa a respectar o papel institucional de todos os sindicatos que, como a CIG, teñen a condición de máis representativos.

 Confirmouse tamén que se pretende avanzar nunha solución que endurecerá a xubilación parcial, acabando con este dereito aos 61 anos, estabelecéndoa a partir dos 63 e só para un colectivo limitado. Ademais, advirte Carril, esta reforma "non vai ser xusta nin no recoñecemento de coeficientes redutores para moitos sectores de actividade, nin tampouco o mecanismo terá a axilidade para permitir que se recoñeza con celeridade o acceso a este dereito para novas actividades e profesións que teñen condicións especialmente penosas, perigosas e de insalubridade". 

 A CIG reclama que se restabeleza o dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores, non só para a industria manufactureira; recuperar a xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións; e recoñecer e mellorar os procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario