2 de xuño de 2024

A GUARDA

 BRILLANTE CELEBRACIÓN DO DÍA DO SEÑOR

 Con vistosas alfombras de frores e de sal, froito do arduo labor veciñal

 


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A celebración do Corpus Christi, na vila de A Guarda, e unha conmemoración cuxa devoción provén de tempos moi antigos, como o acreditan os documentos da Confraría do Santísimo Sacramento.

 O Día do Señor é máis que unha data variable no calendario, debido a que se trata dunha celebración do ciclo de Pascua. De feito, na comunidade guardesa existe, desde épocas inmemoriais, un vencello moi importante coa festividade do Corpus Christi. De tal xeito, que antigamente a figura da custodia - obxecto de ouro ou prata no que se expón a hostia consagrada á adoración dos fieis -, estaba representada nalgunhas portas de acceso as modestas vivendas dos pescadores, e mesmo na proa das gamelas, como símbolo de protección dos moradores das casas de familias mariñeiras e dos tripulantes desas embarcacións de pesca de baixura, que outrora foron tan características de A Guarda.

  A devoción ao Santísimo arraigou de tal xeito, que desde fai moitas décadas á veciñanza vénse esmerando na organización (deseño, loxística, recolección, transporte e debullado dos materiais vexetais) e realización das alfombras de flores e de sal, na honra, precisamente de Cristo sacramentado.

  É un labor que non se cingue tan soio a unhas semanas previas á festividade, xa que hai materiais que polas súas características deben recollerse cando é o momento propicio. Nalgún caso en concreto, entre decembro e abril. Iso conleva estar en modo activo para ir a procura dese producto, recolléndoo en días sen choiva,…, e adicarlle os coidados necesarios para evitar que se estrague. Todo iso, require dispoñer de medios humanos e de transporte, así como espazos axeitados onde gardalos.




 Coa chegada da primavera a biodiversidade de Galicia ofrécenos moitas posibilidades, ainda que non todos os anos se dan as mesmas circunstancias. Neste 2024, por exemplo, unha das plantas - neste caso de xardín - cuxas flores máis renden están coa floración atrasada. Procurar outras flores alternativas conleva, nalgúns casos, un considerable esforzo pecuniario.

 Pero non soio hai moito traballo coa recollida das flores, senón que previamente hai que facer acopio do “verde”, dito así, xenéricamente, ainda que obviamente existen varios tipos.

 En todo isto, un dos factores fundamentais é a man de obra. Non abundan persoas que aporten - altruísta e xenerosamente -, cada día, parte do seu tempo existencial. O relevo xeneracional, especialmente no que respecta aos traballos previos ao día D, ainda non está totalmente garantido. Todas as mans son poucas.

  Por iso, confeccionar as alfombras de flores e de sal é - fundamentalmente - unha expresión de amor e de devoción ao Santísimo. E naqueles casos de persoas agnósticas, o sentimento é de respecto.  

 Teñen moitísimo mérito todas as persoas (nenas/os, mozas/os, mulleres e homes) que co seu esforzo e dedicación fan posible que a celebración do Santísimo Sacramento teña a beleza e a brillantez que se merece unha data tan especial.



 Árnica, bagas de xesta, buxo, carozos de espiga de millo, cortiza de piñeiro, palla de centeo e de trigo, pionas de eucalipto, pampullos, tuia, hortensias, caraveis,..., son, entre outros – como o arroz, borros de café, virutas de madeira, sal mariña,...-. os ingredientes que contribúen a dar cor a unhas obras que din moito, e ben, da calidade humana das persoas que as fixeron posible. E eiquí hai que valorar moi positivamente, tanto as persoas que foron as recoller os materiais, como as familias que nalgúns casos, os aportaron desinteresadamente. Iso non se paga con cartos.

 Temos que salientar que este ano tamén foi realizada satisfactoriamnete a alfombra de sal da Ribeira, na que se empregaron máis de 800 quilos de sal mariña grosa, tinguida de vivas cores.




 No referente aos motivos ornamentais das alfombras houbo moita variedade temática (campás, custodia, deseños xeométricos, motivos vexetais, mulleres e homes do mar, persoas dialogando, bailarins,...). Nesta edición mesmo houbo unha homenaxe póstuma a Daniel González Adrover, coa mensaxe Un sorriso que ilumine o mundo. Un lema que convida "(...) a colaborar coa Asociación de Cáncer de Páncreas (ACANPAN) para poder contribuír na investigación de tratamentos, e que deste xeito, nun futuro, un diagnóstico desta enfermidade non se convirta nunha sentencia, senón nunha loita pola vida (...)". Esa foi a derradeira vontade de Dani.

 Por outra banda, para realizar os diferentes tramos de alfombras, tendo en conta que á celebración eucarística comezou ás 18:00 horas, na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda, houbo que axustar o cronograma a esa circunstancia. Por iso, a Asociación Cultural Alfombras da Guarda, deu as indicacións oportunas, respecto a hora de comezo do traballo de pintado dos deseños e de execución das alfombras.

  Dese xeito, veciños e visitantes puidemos presenciar o proceso de realización das alfombras - e mesmo colaborar na súa materialización - e logo ter tempo para a súa contemplación devagar, así como para a participación - quen así o desexou - na celebración eucarística - organizada pola parroquia de Santa María de A Guarda - e na procesión.

 A verdade é que ten moitísimo mérito todo canto lograron facer as nenas/os, mulleres e homes, de todas as idades, que con seu traballo na honra do Santísimo Sacramento, permitíronnos un desfrute colectivo da arte popular, entendida esta, como a xurdida do propio pobo.

 É unha verdadeira satisfacción constatar, un ano máis, que grazas ao traballo de decenas de persoas, A Guarda brillase novamente na celebración do Día do Señor, e que milleiros de visitantes de diversas procedencias se achegasen a nosa vila e gozasen coas cores que a natureza nos brinda de xeito totalmente gratuíto, e coas creacións artísticas dos diferentes deseñadores.

 Temos pois, moitas razóns para sentirnos ledos, con todo o que logra mobilizar á celebración da festividade do Santísimo Sacramento na nosa vila, na que incluso os peregrinos que na xornada de hoxe estaban realizando a inigualable ruta xacobea do Camiño Portugués pola Costa quedaron gratamente sorprendidos por este evento.




 Finalmente, temos que decir que logo da celebración eucarística na igrexa parroquial, saíu a solemne procesión, que percorreu o itinerario acostumado. Nela participaron o párroco Juan José González Estévez, acompañado do padre Luis López, da comunidade dos PP. Somascos, e doutros sacerdotes e un diácono permanente; nenas/os que fixeron súa Primeira Comuñón, representantes das diversas confrarías relixiosas; autoridades municipais, membros de varios colectivos da localidade, a banda de música da Agrupación Musical de A Guarda, dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta, e moitas persoas da nosa vila e súa contorna, e tamén de diversas localidades do Alto Minho.

 Como en edicións precedentes, no percorrido procesional, un grupo de coralistas cantou varios motetes e no intre de alzar a custodia co Santísimo Sacramento, a banda de música interpretou o Himno Galego, 

 Rematada á procesión, unha activa brigada de persoal municipal, procedeu á recoller todo o material empregado nas alfombras florais e de sal, que tantas - e merecidas - loanzas recibiron.

 Parabens a todas as persoas que fixeron realidade as alfombras do Santísimo na vila de A Guarda. 

GALERÍA FOTOGRÁFICA

Ningún comentario:

Publicar un comentario