5 de xuño de 2024

DEPORTES

BALONMÁN DHF

Estela Carrera seguirá protexendo a portería do Mecalia Atlético Guardés o próximo curso 

Será a súa sexta tempada no club, tenendo en conta as catro que sumou entre 2015 e 2019, e a segunda consecutiva desde o seu retorno 

Estela Carrera
Foto: M.A.G.

 
Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés seguirá contando con Estela Carrera a próxima tempada. A porteira alacantina chegou por primeira vez ás filas do equipo do Baixo Miño en 2015, etapa na que deixou a súa pegada no club tras formar parte do persoal que gañou a primeira liga na campaña 2016/17, a primeira na historia da entidade. Tras a súa marcha ao Málaga en 2019 e o seu posterior paso polo Porriño, a porteira eldense retornou á Guarda na presente tempada. 
 
 Este ano, Estela Carrera rendeu a un excelente nivel baixo os paus, sendo unha figura clave no equipo, asinando grandes actuacións en partidos como o derbi ligueiro disputado na Sangriña ante o Porriño, un duelo no que as súas paradas foron decisivas para obter os dous puntos. A gardameta eldense e a capitá Míriam Sempere forman o tándem perfecto para blindar a portería guardesa.  

 Deste xeito, Estela Carrera é a novena xogadora que prolonga o seu contrato de fronte ao curso que vén, tras as renovacións de Míriam Sempere, Ania Ramos, María Sancha, Cristina Cifuentes, África Sempere, María Palomo, Cecilia Cacheda e Blazka Hauptman. O Mecalia Atlético Guardés mantén así o bloque da presente tempada, co obxectivo de dar continuidade ao proxecto deportivo.  
 
Estela Carrera: “Estou moi feliz por continuar un ano máis” 

 A gardameta de Elda móstrase “moi feliz por continuar un ano máis” no club. Considera que “hai un proxecto moi bonito e vai ser un ano, como mínimo, ilusionante”. 
 
 A aposta da entidade do Baixo Miño de dar continuidade ao persoal tivo moito que ver na decisión da xogadora alacantina: “O que máis me convence é o feito de manter practicamente a todo o grupo”, afirma. Ademais, engade que está “encantada de volver á Guarda, coa súa xente e a súa afección”, onde di sentirse sempre “moi querida”.  
 
 Para a tempada que vén, opina que “é momento de dar un paso máis para tentar conseguir obxectivos máis altos e loitar por todo”. Baixo o seu punto de vista, o equipo vai ser “moi competitivo”, polo que afronta “con moitas ganas” o próximo curso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario