27 de xuño de 2024

A GUARDA

AFECTADOS POLA MODIFICACIÓN DO CATASTRO LAMENTAN QUE O ALCALDE DA GUARDA TARDE 13 DÍAS EN RECIBILOS  


Representantes dos afectados de Salcidos, Camposancos, A Gándara, Buxán, O Castro e A Cruzada
Foto: Cedida


Redacción / A Guarda

 Afectados polos erros cometidos na modificación do catastro presentaron no día de hoxe, no rexistro do Concello da Guarda, máis de 200 sinaturas para que o alcalde se dirixa a  Xerencia  do Catastro e demande a corrección da planimetría mal realizada.  

 No escrito presentado demandan que o departamento de urbanismo emita un informe onde se cotexe a información urbanística vixente e a que dispón a Xerencia do Catastro coa intención de corrixir os erros que existen, ao tempo que solicitan  que o Concello se dirixa a  esta Xerencia  para evitar os danos que está causando a moitas veciñas e veciños.  

 A comisión de afectados lamenta que tendo pedido unha entrevista co alcalde o pasado venres 21 de xuño non se lles conceda audiencia ata o próximo 3 de xullo, e manifestan a súa preocupación, pola falta de interese coa que o alcalde está tomando  este  asunto, cando a unha parte da veciñanza se lle están esgotando os prazos da reclamación e outra xa decidiu solucionalo pola súa conta, co correspondente desembolso e prexuízo económico por algo do que non son responsábeis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario