27 de xuño de 2024

DEPORTES

BALONMÁN DHF

Carme Castro únese ao proxecto do Mecalia Atlético Guardés para o curso 2024/25 

O extremo dereito chega procedente do Porriño 

O seu gran rendemento permitiulle dar o salto da base ao primeiro equipo porriñés, así como ir convocada coa selección júnior 


Carme Castro con Jesús López, presidente do Mecalia Atlético Guardés
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés incorpora mocidade e proxección ao seu persoal coa fichaxe de Carme Castro. A canteirá do Conservas Orbe Rubensa BM Porriño, de 21 anos, chega ao club do Baixo Miño para sumar dinamismo e goles desde o extremo dereito.  

 A xogadora galega incorpórase ao conxunto do Baixo Miño tras oito anos na entidade porriñesa, na que comezou a xogar en categoría cadete, tras unha primeira etapa de base no equipo da súa localidade, o Balonmán Chapela. O brillante rendemento de Carme Castro permitiulle dar o salto ao primeiro equipo porriñés así como converterse en internacional nas categorías cadete, xuvenil e júnior.  

 Carme Castro é a terceira fichaxe para a tempada 2024/25 tras as incorporacións de Elena Martínez e Jazmín Mendoza. A elas súmanse as once xogadoras que xa renovaron o seu contrato: Itziar Martínez, Estela Carrera, Míriam Sempere, Ania Ramos, María Sancha, Cristina Cifuentes, África Sempere, María Palomo, Cecilia Cacheda, Blazka Hauptman e Elena Amores.  

Carme Castro

“Ábreseme unha nova etapa na que síntome moi ilusionada e con moitas ganas de aproveitar”, afirma Carme Castro ante o inicio da próxima tempada no club do Baixo Miño. “O Guardés é un equipo feminino referente a nivel galego e nacional e poder gozar da máxima categoría á beira da miña casa, como galega, fai esta tempada moito máis emocionante”, explica.  

 Así mesmo, sostén que nesta nova campaña “preséntase un proxecto moi bonito”, para o que xa se marcou obxectivos: “A nivel grupal, espero que podamos aspirar todo o máis alto e, a nivel individual, afianzarme na categoría e achegar o máximo posible ao equipo”.  

 En concreto, a choqueira tratará de “loitar polo mellor posto posible na liga, gozar dunha final da Copa da Raíña e conseguir de novo a praza europea durante o curso deportivo se é posible”. A xogadora tamén busca poder adaptarse canto antes e mellorar o seu potencial, coa finalidade de que “consigamos todas xuntas estes obxectivos tan ilusionantes”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario