A Eurocidade Tui-Valença será sede do I Encontro Ibérico de Axentes Forestais e de Protección Civil
• Celebrarase o luns 27 e martes 28 de maio, contando con conferencias e exposicións de medios
Infogauda / Tui
A Eurocidade Tui-Valença e o Sindicato Independente dos Trabalhadores da Floresta, Ambiente e Proteçâo Civil (Sinfap), de Portugal, organizarán os días 27 e 28 de maio, o “I Encontro Ibérico de Axentes Forestais e de Protección Civil”. No mesmo tratarase a importancia da cooperación entre Portugal e España na conservación da natureza e a prevención de incendios, e o enfoque integrado para tratar estas cuestións.
O encontro abrirase o luns 27, ás 10.30 h, en Valença do Minho, coa presencia do alcalde do Concello de Tui, Enrique Cabaleiro González; do presidente da Cámara Municipal de Valença do Minho, José Manuel Vaz Carpinteira; do Secretario de Estado de Montes de Portugal, Rui Ladeira; e do presidente do SinFAP, Alexandre Moura Carvalho.
Durante esa xornada realizaranse varias mesas redondas para tratar a realidade nas áreas de protección civil, conservación da natureza e a xestión dos fogos rurais, así como as liñas de cooperación internacional en desastres naturais. Tamén haberá demostracións dos medios humanos e materiais con que contan en Portugal e Galiza.
O martes 28, en Tui, entre as 10.00 e as 14.00 horas, no recinto feiral, sito na rúa Mártires de Sobredo, haberá unha exposición de medios das distintas unidades da Consellería do Medio Rural, da AXEGA (Axencia Galega de Emerxencias), do MITECO (Ministerio de Transición Ecológica y el Reto Demográfico), da Guarda Nacional Republicana (GNR), e de Protección Civil de Tui, así como de distintas empresas do sector agroforestal.
A partir das 16.00 h, no salón de actos da UNED, terán lugar tres conferencias e unha mesa redonda, onde se exporán os protocolos establecidos en Galiza en relación aos incendios forestais, os protocolos de axuda mutua entre España e Portugal, os factores ambientais e o seu papel na conservación, prevención, extinción e investigación das causas dos incendios forestais en Galicia, así como os protocolos nas emerxencias no ámbito transfronteirizo, coas distintas realidades da Protección Civil de Valença e Tui.
As inscricións para asistir as conferencias poden facerse a través da web https://encontroiberico.com/.
Ningún comentario:
Publicar un comentario