O Concello de Tui vén de sacar a licitación 20 postos do Mercado de Abastos
• As persoas interesadas dispoñen de 15 días naturais contados dende hoxe, é dicir até o 29 de maio, para presentar as súas propostas
Infogauda / Tui
O Concello de Tui vén de sacar a licitación 20 postos do Mercado de Abastos por un período de 15 anos. As persoas interesadas dispoñen de 15 días naturais contados dende hoxe, é dicir até o 29 de maio, para presentar as súas propostas.
Dos 20 postos que saen a licitación 7 serán destinados a peixería, 3 a carnicería, 2 a froita e verdura, 2 a alimentación xeral, 2 a florería, 1 a alimentación e produtos conxelados, 1 a alimentación gourmet, 1 a panadería, e 1 a espazo gastronómico. A superficie dos mesmos oscila entre os 89,6 m2 do espazo gastronómico, e os 15,7 de dúas peixerías. O canón mínimo que deberán aboar as persoas adxudicatarias polos 15 anos de concesión será de 250 € por metro cadrado do posto. O pago poderase realizar anualmente aboando 1/15 do importe total.
No proxecto de concesión demanial para a explotación dos postos do Mercado Municipal de Abastos de Tui, onde se recollen as bases desta licitación, sinálase que o acondicionamento e equipamento dos postos será a cargo das persoas adxudicatarias.
Na presentación da documentación deberase xustificar a solvencia profesional acreditando unha experiencia de tres anos de forma continuada na actividade á que optan dende o 1 de xaneiro de 2010.
A presentación das propostas realizarase a través da Plataforma de Contratación do Sector Público até o 29 deste mes de maio, debendo as persoas licitadoras está rexistradas nesta plataforma. A proposición presentada para tomar parte nesta licitación debe incluír a documentación administrativa requirida, unha memoria de actividade e obra e relación de equipamentos e a oferta económica.
Na memoria dispoñible Plataforma de Contratación do Sector Público pódense consultar as fichas de cada un dos 20 postos nos que se recolle un plano, a superficie, as instalacións e o uso. Recóllese asemade o modelo de declaración responsable e de proposición económica, así como as directrices de estilo para os postos.
O Mercado de Abastos está arestora sendo obxecto dunha obras de reforma que teñen, entre outros obxectivos, cumprir os requisitos para poder acadar o selo de “Mercado excelente”.
A praza tudense está pechada a actividade comercial dende o pasado 6 de maio debido ao inicio da segunda fase das obras que van supor a modernización e actualización destas instalacións. O investimento que se está a realizar nesta reforma acada o 1,3 millóns de euros financiadas nun 80% con fondos europeos Next Generation.
Ningún comentario:
Publicar un comentario