O auditorio de Goián soará ao ritmo da Orquestra do Conservatorio Superior de Música de Vigo
• Será este venres 10 de maio ás 20.30 horas con entrada libre
Infogauda / Tomiño
A música resoará co concerto da Orquestra do Conservatorio Superior de Música de Vigo (CSMV), que se subirá este venres 10 de maio, ás 20.30 horas, ao escenario do auditorio municipal de Goián, para deleitar ao público asistente cun entretido programa.
O acceso ao concerto será de balde, con entrada libre ata completar aforo.
Dirixido por Juan Carlos Díaz e con Julia Villarroel á guitarra, e José Antonio Campos como tenor; o concerto promete unha experiencia inesquecible para as e os amantes da boa música. O programa incluirá pezas clásicas como as vibrantes notas da abertura de ‘O contrato de matrimonio’ de Gioachino Rossini, ata a emotiva interpretación do ‘Concerto de Aranjuez’, de Joaquín Rodrigo; a Aria de concerto K.431’, de Wolfgang Amadeus Mozart, ou ‘O sombreiro de tres picos (Suite nº 2)’ de Manuel de Falla.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima a toda a veciñanza a desfrutar “da música e dun concerto que nos encherá de emoción, unha experiencia enriquecedora e inspiradora para todas e todos os asistentes”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario