Representantes da CIG, CCOO e USO achegan posturas coa Consellería e o 061 tras conseguir que a administración acepte a meirande parte das súas esixencias na reunión celebrada hoxe en Compostela
A Consellería de Sanidade cambia de estratexia e abandona o seu papel de “supervisor” para pasar a intervir directamente a empresa Ambulancias do Atlántico.
Esta intervención consistirá na contratación de 3 profesionais técnicos e administrativos da empresa Tragsa para que, a partir da semana que ven, se encarguen das tarefas de dirección e administración da empresa.
Con este nomeamento, a Consellería cumprirá cos seguintes puntos da listaxe de petición da CIG, CCOO e USO:
- Entregar a totalidade das nóminas que non foran facilitadas ao persoal traballador no período comprendido entre xaneiro e decembro de 2023.
- Refacer unha a unha todas as nóminas de todo o cadro de persoal no período comprendido entre xaneiro e abril de 2024 para poder coñecer a diferencia e calcular canto se debe ao persoal traballador.
A Consellería de Sanidade acepta intervir novamente no abono de todas as nóminas de maio antes do día 1 de xuño empregando a mesma fórmula que se usou o mes pasado.
Representantes da Consellería de Sanidade informan que hai máis dunha empresa interesada no contrato de emerxencia do servizo urxente e acepta convocar a unha reunión a semana que ven na que estarán presente a representación da nova empresa adxudicataria, a RLT e a administración.
O contrato estará adxudicado antes do mércores da vindeira semana. Nesta reunión, negociaranse as condicións de subrogación no referente ao persoal, finiquito, condicións de traballo, necesidades de vehículos, centros de traballo e uniformidade.
Representantes da Consellería de Sanidade confirman que a dotación económica do novo concurso urxente inclúe o importe necesario para facer fronte á paga de regularización recollida no Convenio Colectivo, polo que se comprometen a trasladar á nova empresa adxudicataria a obriga de comezar a abonar mensualmente a paga.
A consellería de Sanidade comprométese a executar os avais depositados por Ambulancias do Atlántico para facilitar o cobro dos atrasos que se lle debe ao persoal traballador.
A Consellería de Sanidade acepta a iniciar un contrato de emerxencia do servizo programado no caso de que o 31 de maio non se presente ningunha empresa.
Con este medida acurtaranse os prazos para que unha nova empresa se faga cargo do servizo. Así mesmo, tamén se comprometen a retirar para a súa corrección o documento de listaxe de subrogación, que se negociará coa RLT.
A Consellería de Sanidade acepta tamén crear unha mesa autonómica para o seguimento dos contratos públicos do transporte sanitario, na que estarán presentes ademais da administración, representantes da patronal e das organización sindicais.
Por último, a Consellería de Sanidade acepta levantar acta onde se recollan os acordos alcanzados coa CIG, CCOO e USO expostos anteriormente.
Mos, 16 de maio de 2024
Ningún comentario:
Publicar un comentario