26 de abr. de 2024

TUI

A cativada da Escola Infantil A Galiña Azul visitou a Biblioteca Municipal


Esta actividade discorreu ao longo desta semana e continuará nos primeiros días da vindeira
Fotos: C.T.

Infogauda / Tui

 Ao longo desta semana os nenos e nenas da Escola Infantil A Galiña Azul, de Tui, visitaron a Biblioteca Pública Municipal tudense para coñecer as súas instalacións e servizos así como participar na lectura de varios contos por parte do persoal da biblioteca. Esta actividade discorreu ao longo desta semana e continuará nos primeiros días da vindeira.  

 Previamente foi realizado o carné da Biblioteca a todo o alumnado o que lle da acceso aos servizos bibliotecarios, especialmente ao préstamo domiciliario de libros. Deste xeito, todos os rapaces e as rapazas participantes nesta actividade levan unha obra, que eles mesmos escolleron, para a lectura no seu domicilio.  

 Esta iniciativa promovida pola Escola Infantil A Galiña Azul, en colaboración co Concello de Tui, pretende que os nenos e nenas coñezan os servizos municipais de lectura e préstamo de libros dos que poden facer uso á vez que fomentan a afección á lectura desde idades ben temperás, coincidindo coa celebración do programa de actividades de animación á lectura “Tui en letras”.  

 A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, agradece esta iniciativa da Escola Infantil A Galiña Azul de achegamento á Biblioteca Municipal onde os nenos e nenas puideron coñecer todas as súas dependencias e descubrir o mundo de posibilidades que lle ofrece este centro de lectura para incentivar a súa imaxinación e os seus coñecementos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario