26 de abr. de 2024

GOIÁN (TOMIÑO)

Os licores espirituosos de Pazo de Valdomiño contan xa co selo de garantía Galicia Calidade 

 Ana Méndez, xerente do organismo da Xunta de Galicia, destaca o esforzo desta destilería para elaborar licores de calidade partindo da mellor materia prima 


Ana Méndez Gil, xerente do organismo da Xunta de Galicia, con Miguel Oliveira Ortega,  da destilería Pazo de Valdomiño

Foto: X.G.

Infogauda / Goián (Tomiño)

 A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez Gil, reuniuse hoxe cos responsables da destilería Pazo de Valdomiño, nas súas instalacións de Goián (Tomiño), para facerlles entrega do certificado de uso da marca de garantía da Xunta de Galicia que pon en valor o esforzo pola elaboración de licores de calidade procedentes das súas 35 hectáreas no Baixo Miño.  

 No acto de entrega do certificado, a responsable do organismo dependente de Turismo de Galicia puntualizou que a posesión do selo de garantía permitirá á empresa engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial, así como incluír a nova sinalización na súa fachada.  

 Pazo de Valdomiño é unha destilería que desde 1996 basea a súa diferenciación na calidade das materias primas seleccionadas das pequenas adegas da contorna da subzona do Rosal (adscrita a Denominación de Orixe Rías Baixas). Así mesmo, esta calidade reflíctese na elección de herbas, froitas ou café empregados. O Oruxo Branco, o Licor de Herbas e o Licor Café de Fonte do Frade están amparados pola indicación xeográfica outorgada polo Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.  

 Nesta xuntanza, Ana Méndez destacou a aposta pola excelencia desta compañía e do conxunto das 168 empresas adheridas que contan co selo de garantía, con máis de 850 produtos e servizos certificados, que engloban os sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Ningún comentario:

Publicar un comentario