9 de abr. de 2026

O ROSAL

O Rosal estrea un campo de fútbol pioneiro e sostible que marca un antes e un despois no deporte base   

 O Concello investiu un millón de euros de fondos propios e externos na renovación integral do campo de herba artificial, na eficiencia enerxética, dixitalización e accesibilidade das instalación  

 Trátase dunha transformación feita dende o esforzo colectivo e que contou coa implicación da U.D. Ribera  


A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís e o o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, con directivos da U.D. Ribera no campo municipal da Mata

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O campo municipal da Mata convértese nun referente en Galicia. O Rosal estrea unhas instalacións pioneiras e renovadas tras acometer o Concello unha transformación integral e planificada que permitiu dar un salto de calidade que deixará pegada no deporte base de toda a comarca. Cun investimento de case un millón de euros financiados con fondos propios e coa captación de fondos europeos, estatais, autonómicos e provinciais, as obras supuxeron “un gran exemplo de planificación e de compromiso colectivo nas súas diferentes fases”.  

  Este proxecto é un orgullo para o municipio. Cada reforma e cada mellora acometida nos últimos anos non só beneficia ás nosas e nosos deportistas, senón que tamén reflicte a aposta do Concello por un deporte inclusivo, sostible e de calidade para todas as persoas usuarias das instalacións”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, amosou a súa satisfacción polo resultado acadado. “Para nós é un orgullo todo o traballo realizado e ver como unha planificación seria e continuada dá os seus froitos. Esta reforma era moi necesaria e hoxe contamos cunhas instalacións modernas, sostibles e preparadas para o futuro do noso deporte base”. 

 O Rosal conta así cun novo terreo de xogo pioneiro en Galicia, xa que é o primeiro campo de herba artificial realizado con recheo ecolóxico de toda a comunidade autónoma, fomentando unhas instalacións sostible ao eliminar o caucho, un microplástico altamente contaminante. Durante este anos o Concello tamén reformou de forma integral os vestiarios, mellorando o confort e a funcionalidade apostando pola eficiencia enerxética coa colocación de novas placas solares e dunha caldeira de biomasa.  

 Por outra banda, o campo de fútbol garante unha accesibilidade universal tanto para as persoas deportistas como a afección. O Concello tamén investiu na dixitalización con acceso mediante domótica e cun novo videomarcador, ademais de realizar outras pequenas melloras dotacionais, como un pequeno campo de fútbol para adestramento, novos banquillos, a cabina para a retransmisión dos partidos ou unha nova caseta para gardar o material.  

 Unha importante aposta pola mellora e eficiencia enerxética das instalacións que permitirá ao deporte de base dar un salto cualitativo. Algo que tamén sinala Sara Álvarez, Muñi, xogadora das Celtas que iniciou a súa carreira na U.D. Ribera, e que subliñou a importancia da base. “Ver todo reformado emocióname e é todo un orgullo, porque sei que as novas xeracións terán aínda máis oportunidades das que tiven eu”, lembrou. 

 A rexedora quixo resaltar a implicación en todo o proceso da U.D. Ribera, un club referente que loita día a día polo deporte de base. Como sinalou Fernández Callís, “investir no deporte base é investir no futuro do noso pobo. Este campo é un espazo onde comezan soños, se constrúen equipos e se fomenta a ilusión da nosa mocidade. No Rosal xogamos en equipo porque a canteira é o futuro do noso deporte”. 

 Neste camiño, o Concello seguirá apostando pola mellora das instalacións deportivas, co proxecto de renovación da pista de atletismo xa en marcha e en proceso de captación de fondos para facer realidade esta nova fase. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario