7 de abr. de 2026

A GUARDA

A Casa dos Alonso vai acoller a exposición ‘Mar de ideas’  

É unha mostra de tallas de madeira. Inaugurarase este venres, 10 de abril ás 19:00 horas  



Infogauda / A Guarda

  A exposición “Mar de ideas” de Xosé Manuel Rodríguez Mojón (Moxom), vai chegar a Casa dos Alonso. A inauguración será este venres, ás 19:00 horas. 

 “Mar de ideas” comprende unha escolma esculturas da súa traxectoria e tamén algunhas inéditas. O autor sinala que “como indica o título, as ideas para crear son para min como o mar: infinitas e inagotables”.  


Xosé Manuel Rodríguez Mojón (Moxom) abrazado a unha obra da súa autoría
Foto: X.G.

  Moxom é un artista autodidacta natural de Ourense. Iniciouse no mundo do cómic, na década dos oitenta. Posteriormente, en 1996, transformou moitos dos seus debuxos en pezas de madeira, ás que dotou de "movemento, orixinalidade e sensibilidade". Dese xeito leva máis de 30 anos tallando madeira. 

  Para Moxom, a madeira é un elemento moi cálido e con moitas posibilidades á hora de crear. "Como non me gusta cortar madeira viva adoito recoller o que encontro en camiños, na praia e despois míroos a ver se vexo posibilidades neles. Case sempre vexo formas que só teño que puír e facer saír á superficie. Talo o que ese pedazo de árbore ou arbusto suxíreme. Despois, ás veces, deixo as obras naturais para destacar as súas vetas, e outras veces píntoas e doulles unha aparencia máis humana. Depende do momento e do sentimento. O importante para min é darlles a esas pezas un pouquiño de vida. Espero conseguilo"

 Coa súa obra, configurada por máis de 3.000 pezas, ten realizado máis de 85 exposicións entre España e Portugal.  

  “Mar de ideas” poderase visitar dende o día 10 ata o día 24 de abril na Casa dos Alonso, de luns a venres de 9 a 15h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario