A música gran protagonista da programación este domingo nas festas de San Telmo
• Estarán en concerto as bandas de música de Tui e O Rosal; Manuel Madarnás e The Turre´s Band; celebrarase o Festival folclórico, actuará a charanga Cantos Somos, e La Oca Band amenizará a primeira verbena
Infogauda / Tui
As actuacións das bandas de música de Tui e O Rosal, o festival folclórico, concertos de Manuel Madarnás e The Turre’s Band, pasacalles da charanga Cantos Somos e a primeira verbena das festas con La Oca Band, conforman a programación deste domingo nas Festas de San Telmo.
O concerto da Banda de Música Popular de Tui, dirixida por Eloy Carrera, abrirá este domingo, 31 de marzo, o programa das festas de San Telmo. Actuarán ás 12.30 h na carpa da Corredoira. No mesmo lugar ás 18 h terá lugar o concerto da Agrupación Musical do Rosal, dirixida por José Javier Bascoy Iglesias.
O Teatro Municipal acollerá ás 17 h o Festival Folclórico Festas de San Telmo unha cita cunha longa tradición na que participan as diferentes agrupacións folclóricas tudenses. Ao longo da tarde os grupos Santa Columba, de Ribadelouro; San Telmo, Traxe Tradicional, Seixos Albos, de Areas; Lembranzas da Terra, de Guillarei; Inquedanzas, de Pazos de Reis; O Mosteiro, de Pexegueiro; Xuntanza, de Randufe; e Darraia, interpretarán muiñeiras, pandeiros, ribeiranas,…, nun evento que adoita reunir a centos de persoas no patio de butacas. A entrada é libre até completar o aforo.
Ás 19 h no Espazo Feiral o trompetista tudense Manuel Madarnás, acompañado de guitarra, batería, baixo e piano, presentará o seu traballo discográfico "La MMarca 2". No mesmo pon en valor a música instrumental con cancións populares versionadas pola trompeta. No concerto interpretarán dende baladas, boleros, pop, blues ou dance. A continuación comezará a primeira verbena das festas con La Oca Band.
Amais dende ás 19 h polas rúas de Tui, se o tempo o permite, actuará a charanga Cantos Somos.
Mentres ás 21 h na carpa da Corredoira será a quenda de The Turre´s Band cun repertorio de ska, blues, balkan ou verbena galega.
Nesta segunda xornada das festas non faltará a gastronomía xa que continua a Festa do Meixón en seis restaurantes previa reserva, e volverán abrir os postos gastronómicos no Espazo Feiral da man das asociacións culturais A Ínsua, de Caldelas; Cristo da Agonía, de Baldráns; Darraia, de Tui; Laxes, de Paramos; O Mosteiro, de Pexegueiro; a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos; San Fins, de Rebordáns, e San Roque e San Bartolomeu. Amais o domingo haberá unha exhibición de cociñado con Inma López, do Restaurante Beldade, para o que as prazas están xa completas, e unha cata comentada para a que é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo. Estas dúas actividades forman parte do programa do III Encontro de Viños da Raia que tivo que ser aprazado para a próxima fin de semana debido á previsión de choiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario