26 de mar. de 2024

TOMIÑO

AS CONCELLEIRAS DO GRUPO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE SOLICITAN MELLORAS NA ACCESIBILIDADE AO CONSULTORIO MÉDICO DE GOIÁN 

 E solicitan a retirada dos maceteiros, a creación de prazas de aparcamento para ambulancia, para persoas con mobilidade reducida, e tamén para os propios traballadores


Aspecto que presentan as inmediacións do Consultorio médico de Goián

PSdeG-PSOE / Tomiño

 Despois da pandemia a Atención Primaria viuse seriamente mermada. A apertura do Consultorio de Goián foi unha das moitas reivindicacións da Plataforma pola Sanidade Pública de Tomiño formada por veciños e veciñas que se mobilizaron para que a atención primaria neste Concello sexa de calidade.  


A esq. da imaxe, Mª Violeta de Santiago Moure e Mirta Isabel Misa Misa, concelleiras do grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño 

 No último pleno, as concelleiras socialistas preguntaron pola accesibilidade das persoas doentes e as traballadoras ao Consultorio de Goián situado na rúa Rosalía de Castro. Por esta rúa, dun só carril, circulan vehículos e, ao mesmo tempo, serve como acceso ao aparcamento. Nela non hai un espazo reservado para o persoal sanitario que se poden atopar co aparcamento completamente ocupado. Nin sequera para unha ambulancia que teña que atender unha urxencia que debería parar no medio e medio da rúa impedindo a circulación viaria. E, para máis inri, que conta cunha beirarrúa na que hai dous inmensos maceteiros/xardineiras que como adorno están ben pero que para a vida diaria dun centro médico non son os elementos máis axeitados.  

 Ante a contestación do portavoz do BNG, Uxío Benítez, as socialistas cuestiónanse: que é o que prima para o grupo de goberno? O estético duns maceteiros? Ou a accesibilidade das persoas incluídas as doentes nunha urxencia (ou non) e traballadoras do Consultorio? E que hai da circulación de vehículos?   

 Recuperar espazos públicos para as persoas é correcto pero  hai que facelo con sentido común e tendo en conta  o uso do lugar e, sobre todo e de verdade, ás persoas.  

 Polo tanto as Concelleiras Socialistas de Tomiño solicitan a retirada dos maceteiros, a creación de prazas de aparcamento para ambulancia, para persoas con mobilidade reducida, e tamén para os propios traballadores; e así facer que o entorno do Consultorio sexa unha zona de fácil acceso e  libre de riscos tanto para peóns como vehículos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario