7 de mar. de 2024

O ROSAL

Cancelado de forma definitiva o desfile de Entroido do Rosal  

 Ante as previsións meteorolóxicas e tras consultalo con comparsas e participantes, o Concello vese na obriga de suspender o evento 

   


Infogauda / O Rosal 

 O Rosal cancela de forma definitiva o desfile de Entroido. Tal como xa se anunciara a pasada semana, este venres 8 íase facer un último intento de celebrar este tradicional evento, pero tras falar con comparsas e participantes e consultar a Meteogalicia, o Concello vese na obriga de suspender definitivamente o desfile ante a mala situación meteorolóxica prevista para os vindeiros días.  

 Aínda que habitualmente o desfile ten lugar o domingo, o Concello optara por trasladar o día de celebración a este venres para evitar que coincidira co San Gregorio, que terá lugar este 9 e 10 de marzo, asegurando así unha maior participación e desfrute por parte de toda a veciñanza das diferentes actividades culturais do Rosal.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, agradece a comprensión e colaboración de comparsas, participantes e da propia veciñanza tanto ante os cambios de datas realizados nas últimas semanas debido ao mal tempo como ante a cancelación definitiva do desfile, agardando “poder desfrutar o vindeiro ano con moita máis enerxía e ilusión este evento que sempre enche de ledicia, música e cor as rúas rosaleiras e que sempre conta cun público entregado”. 

 A rexedora anima a todos os veciños e veciñas a que se acheguen esta fin de semana a desfrutar da celebración do San Gregorio, en Pías, que sorprenderá ao público cunha ampla programación de actividades para toda a familia, musicais e gastronómicas que terán lugar nun recinto cuberto. Dous días de lecer, diversión e encontro “resultado de todo o traballo realizado pola Comisión de Festas do San Gregorio, a que temos que agradecer o seu esforzo e implicación”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario