A Mata prepárase para recibir aos 240 nenos participantes no Torneo Internacional ORosalCup
• Este venres 29 catro clubs disputaranse a fase preliminar do torneo organizado pola U.D. Ribera, mentres que o sábado 30 celebrarase a final con equipo da máxima categoría galega
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
A Semana Santa volve encherse de deporte e moito fútbol no Rosal. Máis de 240 nenos participarán o 29 e 30 de marzo na duodécima edición do Torneo Internacional ORosalCup, un evento organizado pola U.D. Ribera en colaboración do Concello que xa está consolidada como a cita deportiva de referencia nestas datas para o fútbol base infantil non só no Baixo Miño, senón tamén a nivel galego e luso, xa que nesta edición contarase con dous equipos portugueses na competición.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, resaltou que “este evento xa é unha tradición en Semana Santa, promovendo o deporte e a sá competencia entre a mocidade, desfrutando de dous días únicos. Para o Concello é unha honra formar parte desta iniciativa que fortalece os lazos deportivos tanto a nivel local como autonómico e mesmo internacional”.
Deportistas e clubs van desfrutar deste torneo tan sinalado que se disputará en dúas xornadas diferenciadas. Por un lado, o venres 29 de marzo celebrarase a fase preliminar, na que catro equipos se medirán para intentar facerse un oco na final. Nestes encontros, que comezarán ás 15.30 horas, participarán a U.D. Ribera B, o A.D. Tomiño, o Gondomar F.B. e o C.D. Cerveira.
Por outra banda, o sábado 30 o equipo gañador da fase preliminar enfrontarase aos equipos da máxima categoría galega que visitarán O Rosal para disputar un trepidante torneo. Esta xornada contará coa participación da U.D. Ribera do Rosal, a Escola de Fútbol da Fundación Denis Suárez, de Salceda de Caselas; a U.D. Santa Mariña, de Vigo; o Portero 2000 de Pontevedra; o A.J. Lérez pontevedrés; o Vitoria S.C., de Guimarães; e o S.C. Braga.
O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, destacou a calidade do evento e a participación de equipo de alto nivel e quixo agradecer “a todos os clubs participantes o seu compromiso e dedicación, así como á U.D. Ribera, organizadora do evento, por facer posible este torneo ano tras ano. Estamos seguros de que será unha fin de semana emocionante chea de bo fútbol e compeñeirismo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario