28 de mar. de 2024

CULTURA

A Filmoteca de Galicia pon en valor o seu arquivo coa proxección dos fondos dixitalizados ao abeiro do HUB audiovisual galego 

 A nova sección Materiais para unha historia do cinema en Galicia centrouse no primeiro trimestre nas recentes dixitalizacións, cun investimento de máis de 100.000 euros


 Fotograma do filme Un viaje por Galicia
Fonte: X.G.

Infogauda / A Coruña

 A Filmoteca de Galicia avanza no seu labor de recuperación, restauración e conservación do noso patrimonio audiovisual coa recente dixitalización de máis de 30 películas de diferentes xéneros e formatos, realizada ao abeiro do programa Hub Audiovisual da Xunta co obxectivo de poñer en valor e difundir o seu arquivo histórico. Con tal fin, a programación que desenvolve na Sala José Sellier da Coruña conta este ano cunha nova sección que, baixo a denominación Materiais para unha historia do cinema en Galicia, está a exhibir diferentes pezas do fondo da cinemateca, entre as que se atopan filmacións de  carácter industrial ou familiar, moitas veces anónimas, pero de gran valor documental á hora de reconstruír a historia do noso cinema.  

 No primeiro trimestre do ano, este novo apartado na carteleira da Filmoteca de Galicia centrouse nas dixitalizacións acometidas dentro do Hub Audiovisual, para as que se contou cun investimento de 107.000 euros no marco do eixo programa REACT-UE do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Destacan, entre elas, un grupo de 32 películas de 35mm e 16mm que no seu día xa foran recuperadas e restauradas pola entidade en soporte fílmico de acetato. 

Eligio González e Manuel Arís 

 As filmacións en 16mm correspóndense con 14 documentais datados entre 1929 e 1972, moitos deles rodados por Eligio González entre a emigración galega en Arxentina e por Manuel Arís en Galicia, con destino á nosa poboación emigrante en América do Sur. As 18 cintas de 35mm están datadas entre 1915 e 1966, e abranguen desde obras de ficción ata distintas tipoloxías documentais: noticieiros, gravacións industriais e tamén reportaxes dirixidos á emigración galega ao outro lado do Atlántico.  

 Nas primeiras sesións de Materiais para unha historia do cinema en Galicia, xa se compartiron co público algunhas destas restauracións, como a película muda La tragedia de Xirobio, filmada en 1930 por José Signo; o traballo que promocionaba a Tintorería España de Santiago de Compostela en 1927; as pezas documentais que Eligio González rodou no Centro Galego de Bos Aires entre 1957 e 1961; e o filme Un viaje por Galicia, gravado entre 1953 e 1958 por Manuel Arís, galego emigrado en Montevideo.   

A figura de Díaz-Noriega protagoniza abril e maio 

 Este novo contedor tamén dá cabida a materiais que foron dixitalizados pola Filmoteca nos últimos anos, como os documentos fílmicos do arquivo de Navantia, ou restauracións recentes, como é o caso de varias películas de José Ernesto Díaz-Noriega, figura esencial do cinema amateur español e de gran influencia para toda unha xeración de cineastas galegos a partir de que, a finais dos anos 50, establecera a súa residencia na Coruña, onde levou a cabo gran parte da súa produción.   

 A restauración das súas obras levouse a cabo a través do programa Arquivo e Restauración da Elías Querejeta Zine Eskola de San Sebastián, en colaboración coa Filmoteca Española e a Filmoteca de Galicia e baixo a coordinación de Carolina Cappa, arquivista audiovisual especializada en preservación fílmica.   

 As proxeccións de Materiais para unha historia do cinema en Galicia dos meses de abril e maio centraranse nestes traballos de Díaz-Noriega, comezando o vindeiro día 9 cunha escolma de curtametraxes no marco dun seminario organizado xunto á distribuidora Lost & Found. Ademais, para o 18 de abril está programada unha sesión dobre na que poderá verse a curta El Anillo e a mediometraxe Os Suevos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario