A Xunta convoca a 40 novos talentos da creación contemporánea a amosar o seu traballo no XIV ‘Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura’
• O ‘EAN14’ ofrécelles a oportunidade de dar a coñecer o seu proxecto creativo nunha estancia de catro días no Gaiás, cos gastos de estancia cubertos, na que entrar en contacto con outros artistas e de optar a realizar unha intervención nas Torres Hejduk
Infogauda / Santiago de Compostela
A Xunta de Galicia convoca a creadores emerxentes a participar na décimo cuarta edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura (EAN14). O encontro ofrece a 40 novas figuras da arte contemporánea a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no Gaiás durante a que presentar o seu proxecto creativo e compartir aprendizaxes con outros artistas emerxentes, así como consolidados nomes do panorama contemporáneo que participan como relatores.
Artes plásticas, creación sonora, performance, audiovisual, fotografía, deseño téxtil... O EAN14 está aberto a todas as disciplinas artísticas e suma xa un total de 14 edicións apoiando o talento emerxente. A traxectoria do Encontro convérteo nunha das citas imprescindibles da creación contemporánea en España, pola que teñen pasado máis de 700 artistas e ao que só na pasada edición se recibiron 220 candidaturas.
Ademais da estancia en Compostela con todos os gastos cubertos, o EAN14 ofrece aos seleccionados un escaparate no que presentar o seu proxecto artístico persoal e a posibilidade de realizar unha intervención artística efémera nas Torres Hejduk, aposta coa que o Gaiás amosa o seu compromiso co talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional. O Encontro estará novamente dirixido por Rafael Doctor, un dos máis recoñecidos nomes da xestión cultural en España cunha dilatada traxectoria como comisario de exposicións, que coordina o EAN desde a súa primeira edición.
Destacados nomes das artes visuais
O programa do XIV Encontro de Artistas Novos inclúe catro charlas de destacados creadores visuais do panorama nacional, entre os que se inclúe Javier Calleja (Málaga, 1971), que desde o seu debut en 2017 na prestixiosa galería AishoNanzuka de Hong Kong converteu as súas personaxes de ollos xigantes no sinal de identidade, acadando un incontestable éxito internacional. Consolidouse como un dos creadores máis demandados do momento e en 2021 a filial de Christie’s en Hong Kong vendeu a súa obra Waiting For a While por 1,14 millóns de dólares.
O EAN14 incluirá tamén unha charla da artista plástica e profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Elena Fernández Prada (León, 1971) e do artista visual David Catá (Viveiro, 1988). Catá participou en 2011 como talento emerxente na primeira edición do encontro e agora regresa ao EAN tras exhibir o seu traballo en Camboxa, México, Perú, Chile, Brasil, Alemaña, Estados Unidos ou Portugal. En 2023 foi ademais seleccionado como artista español para o Silk Road Artists, Rendezvous - China Tour for European Artists.
Despedirá esta XIV edición do EAN unha conferencia da pintora asturiana afincada en París Chechu Aláva (Piedrasblancas, 1973). Cos seus retratos oníricos, Álava proponse tanto resucitar a obra de poetas e artistas e como reinterpretar as representacións femininas, rescatándoas da ollada masculina en obras clásicas como as de Boticelli, Cranach ou Balthus. En 2020, o Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid presentou a súa exposición individual Rebeldes e a súa obra está presente en museos e coleccións privadas de países como México, Francia, Italia, Colombia, Alemaña, EEUU, Corea do Sur ou Sudáfrica.
Os catro súmanse á extensa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, con nomes como Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Alberto García-Alix, Daniel Canogar, Chelo Matesanz, Abel Azcona, Tono Arias, Vari Caramés, Ana Esmith (Miss Beige) ou Oliver Laxe, entre outros moitos.
Solicitudes ata o 24 de maio
A participación no EAN14 está dirixida a estudantes e/ou graduados en Belas Artes ou outras ensinanzas artísticas, así como a profesionais que demostren unha traxectoria ou proxecto creativo, nados entre 1989 e 2006. Ademais, para favorecer o diálogo creativo entre artistas de diferentes xeracións, 10 das 40 prazas están abertas a maiores de 35 anos, que deben reunir os mesmos requisitos que as demais persoas candidatas.
As persoas interesadas deben enviar a súa solicitude antes das 14,00 horas do 24 de maio xunto á documentación requirida ao enderezo electrónico encontro.cdc@xunta.gal (as bases poden consultarse na web da Cidade da Cultura). O encontro desenvolverase no Gaiás entre o 25 e o 29 de agosto de 2024.
Ningún comentario:
Publicar un comentario