Concentracións en Vigo e Pontevedra para rexeitar o preacordo asinado entre a patronal ARTE e os sindicatos CCOO e FETICO
• Este venres, 10 de abril, diante do MARCO de Vigo (rúa do Príncipe, 54) e diante das tendas de Zara, H&M e Mango, na rúa Benito Corbal de Pontevedra
Infogauda / Vigo e Pontevedra
A CIG-Servizos desenvolverá concentracións en Vigo e Pontevedra para rexeitar o preacordo asinado entre a patronal ARTE e os sindicatos CCOO e FETICO no marco da negociación do primeiro convenio estatal para as grandes cadeas de téxtil e calzado, xa que supón un importante retroceso nos dereitos laborais e salariais e afonda na centralización da negociación colectiva, afastándoa dos centros de traballo e laminando a capacidade do persoal de decidir sobre o que se negocia.
O documento recolle as principais exixencias das grandes multinacionais que conforman ARTE (Inditex, H&M, Mango, Primark, Grupo Tendam, Kiabi, Uniqlo, etc.) en materias como salarios, xornada e contratación.
A central sindical denuncia que, con respecto aos actuais convenios provinciais, as condicións recollidas neste preacordo suporían unha rebaixa de arredor de 2.000 euros ao ano para a categoría de dependenta nas provincias da Coruña e Pontevedra; a desaparición do complemento de antigüidade para o persoal de Lugo e Ourense; e a perda do complemento de permanencia na provincia da Coruña.
Ademais, estabelécese a obrigatoriedade de traballar nos domingos e festivos de apertura; a planificación de horarios e calendarios redúcese a cinco semanas de antelación; recupérase a categoría de persoal axudante dependente durante 15 meses; e autorízase a contratación fixa-descontinua a tempo parcial.
A respecto da xornada anual pactada (1.770 horas para 2026, 1.760 para 2027 e 1.740 para o ano 2028), a CIG advirte que malia a propaganda, na realidade as horas de traballo anuais aumentarían xa que o tempo de descanso de cada día (de 15 minutos como mínimo) deixaría de computar como tempo efectivo de traballo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario