3 de mar. de 2024

O CONDADO / A PARADANTA

A Xunta de Galicia constrúe cinco puntos de auga para a prevención de incendios forestais na provincia de Pontevedra, cun orzamento total de 225.492 euros  

 As actuacións estanse a levar a cabo nos concellos de Ponteareas, Crecente -no que se instalan dous novos-, As Neves e Mondariz 


Estes novos depósitos de auga permitirán a carga de vehículos e helicópteros durante a extinción de incendios forestais
Foto: X.G.

Infogauda / O Condado / A Paradanta

 A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, vén de iniciar a construción de cinco novos puntos de auga no Distrito Forestal XVII – O Condado – A Paradanta, na provincia de Pontevedra, para mellorar as infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais. As actuacións, cun orzamento total de 225.492,20 euros, estanse a levar a cabo nos concellos de Ponteareas, Crecente -municipio no que se instalarán dous novos-, As Neves e Mondariz.

 Unha boa rede de puntos de carga de auga é fundamental para a maior eficiencia dos medios terrestres e aéreos na loita contra un lume. Neste sentido, estes novos depósitos de auga permitirán a carga de vehículos e helicópteros durante a extinción de incendios forestais, o que contribúe a diminuír, na medida do posible, os tempos de desprazamento dos equipos, ademais de mellorar a eficacia do traballo destes medios.

 Destes cinco novos puntos de auga, tres (os de Filgueira e Ameixeira na localidade de Crecente e o de Taboadexa en Mondariz) supoñen a substitución de antigos depósitos, que polas súas condicións necesitaban ser renovados. Ademais, no de Crecente – Ameixeira a obra inclúe a mellora da pista na que se atopa, diminuíndo aínda máis os tempos de desprazamento e reacción.

 Cabe sinalar que o depósito de Cumiar, en Ponteareas, permite a operación simultánea de helicópteros e camións. Para permitilo, construíuse unha caseta cunha boca de incendios para que os vehículos poidan cargar por aspiración a unha distancia segura, tanto para o persoal do camión como para o da aeronave.

Ningún comentario:

Publicar un comentario