Trece eventos deportivos reunirán máis de 7 mil persoas na Eurocidade Tui-Valença este 2024
Infogauda / Tui
Trece eventos deportivos que se van desenvolver entre os meses de febreiro e decembro conforman o calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença que foi presentado este mediodía na Cámara Municipal de Valença. Prevese que participen nestas actividades deportivas máis de 7 mil persoas.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Vaz Carpinteira, os concelleiros de Deportes de Tui e Valença, Rafael Estévez e Arlindo Sousa, acompañados polos representantes das distintas asociacións deportivas e empresas organizadoras dos eventos deron os pormenores desta consolidada programación deportiva.
Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención que este é “un calendario deportivo transfronteirizo único en Europa” xa que precisaba que “non temos ningún territorio transfronteirizo que compartir un calendario deportivo”. Isto é así porque dicía “hai no conxunto da sociedade un incentivo importante para promover actividades deportivas” e por outra parte porque “hai un respaldo institucional” destacando a implicación tanto da Cámara de Valença coma do Concello de Tui. Destacaba amais o fito histórico logrado o ano pasado ao conseguir ao través do proxecto Unicidade, financiar este calendario deportivo, cun orzamento de 60 mil euros, a través de fondos europeos. Avanzaba que están traballando para conseguir financiamento europeo para estas actividades.
O presidente da Cámara de Valença, José Manuel Vaz Carpinteira, destacou coma este calendario deportivo “reforza a cooperación transfronteiriza entre Tui e Valença”. Engadía que “tradicionalmente, historicamente Valença e Tui en termos sociais, económicos, xa cooperan dende hai moitos anos, e dende hai uns anos cooperan de forma organizada a nivel deportivo e cultural, e queremos moito máis”. Por iso dicía estamos “a facer o camiño para que de feito este reforzo da cooperación sexa maior e poidamos todos vivir nunha Eurocidade” e indicaba que “estas probas deportivas contribúen moito a reforzar esta unión”.
Rafael Estévez, concelleiro de Deportes de Tui, destacou as trece probas que están asentadas neste calendario deportivo. Amosaba o agradecemento a todas as asociacións, clubs e empresas que organizan as distintas probas ao longo do ano. Mentres o seu homólogo de Valença, Arlindo Sousa, facía balance de 2023 con catorce probas de 12 modalidades deportiva que reuniron a 6.200 participantes e que foron realizadas por 11 asociacións e 2 empresas. Afirmaba que ao longo dos anos se vai incrementando a participación e as probas se teñen consolidado e moitas delas son xa un referente.
O orzamento económico deste Calendario Deportivo ascende a 60 mil euros, ao que se suma o apoio técnico, de infraestruturas e promoción que aportan tanto o Concello de Tui coma a Câmara Municipal de Valença.
O primeiro dos eventos deste calendario deportivo é o Trail do Aloia que se celebra este sábado e domingo no Monte Aloia. Hoxe pecha a inscrición para a proba infantil dirixida a nenos e nenas de 0 a 14 anos, que en función da idade realizan un percorrido de entre 100 e 1.200 metros. Preto de 250 cativos e cativas formalizaron xa a súa inscrición. O domingo serán 600 persoas as que participarán dende ás 10 h no trail realizando un percorrido de 20 quilómetros ou de 10 quilómetros ao longo deste espazo natural protexido. Serafín Rodríguez de Noko 360 organizador da proba agradecía a colaboración do club Atletismo Tui que foi o encargado de trazar o percorrido nun “entorno único” no Parque Natural do Monte Aloia.
Este domingo abre a inscrición para a XI Eurocidade BTT que se celebrará o 17 de marzo organizada pola Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas.
No mes marzo comeza o Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade que levan a cabo o Club Anda Tui Rego da Pedra e o Club Celtas do Minho con percorridos mensuais. Mentres o Club Tracçao ás 4 é o organizador do TT Eurocidade de Jeeps previsto para o 2 de marzo, e do TT Eurocidades Motas que terá lugar o 6 de abril. Do 23 ao 25 de marzo celebrarase o Torneo Minibasket Eurocidade organizado polo Basquet Club Valença.
No calendario da Eurocidade figura un ano máis o Trofeo de Baile Deportivo que acada a súa décima edición. Desenvolverase o 20 e 21 de abril no pavillón de Valença organizado pola Escola de Baile Pasos. Mentres os afeccionados ao mundo do motor terán a súa cita o 22 e 23 de xuño coa Rampa do Monte Faro que por segundo ano promove o Viana Motor Clube.
Xa no verán a proposta deportiva será coas artes marciais co Torneo de Judo da Eurocidade, 6 de xullo, organizado polo JuValença, e co X Campionato de Kung Fu da Eurocidade o 7 de xullo da man do Club Ximnasia e Auga de Tui.
En setembro celebrarase o Trofeo Eurocidade de Hoquei co Hoquei Club Valença. Amais o Club Tenis Tui organizará a décima edición do Torneo de Tenis da Eurocidade que se disputará nos meses de setembro e outubro. Pecha o calendario deportivo compartido de Tui e Valença a VIII Urban Trail Night Eurocidade o 23 de novembro organizado por Noko 360 e Sra. Emilia.
CALENDARIO DEPORTIVO EUROCIDADE 2024
1.- CIRCUITO DE ANDAINAS SAUDABLES DA EUROCIDADE
Mensual desde marzo.
Organización: Club AndaTui Rego da Pedra e Club Celtas do Minho.
2.- TRAIL DO MONTE ALOIA
10 e 11 de febreiro de 2024.
Organización: Noko 360.
3.- TT EUROCIDADE JEEPS
2 de marzo.
Organización: Club Tracçao As 4.
4.- XI EUROCIDADE BTT
17 de marzo de 2024.
Organización: Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas.
5.- TORNEO MINI BASQUET EUROCIDADE
23, 24 e 25 de marzo de 2024.
Organización: Basquet Clube Valença.
6.- TT EUROCIDADE MOTAS
6 de abril de 2024.
Organización: Club Tracçao As 4.
7.- X TROFEO DE BAILE DEPORTIVO EUROCIDADE
20 e 21 de abril de 2024.
Organización: Escola de Baile Pasos Galicia Pavillón de Valença.
8.- RAMPA DO MONTE FARO
22 e 23 de xuño de 2024.
Organización: Viana Motor Clube.
9.- TORNEO DE JUDO EUROCIDADE
6 de xullo de 2024.
Organización: JuValença.
10.- X CAMPIONATO DE KUNG FU EUROCIDADE
7 de xullo de 2024.
Organización: Club Ximnasia e Auga de Tui.
11.- TROFEO EUROCIDADE DE HOQUEI
Setembro.
Organización: Hoquei Clube Valença.
12.- X TORNEO DE TENIS EUROCIDADE Setembro – Outubro.
Organización: Club Tenis Tui.
13.- VIII URBAN TRAIL NIGHT EUROCIDADE
23 de novembro de 2024.
Organización: Noko 360 e Sra. Emilia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario