8 de feb. de 2024

TOMIÑO

“O pensamento crítico e a curiosidade son as claves para enfrontarse ás fake news, á intelixencia artificial e ao futuro”  

 Rocío Vidal, La Gata de Schrödinger, avogou na IX Semana da Educación pola alfabetización científica para axudar a infancia, mocidade e adultos a enfrontarse a unha sociedade dixitalizada  


Sandra González, alcaldesa de Tomiño, na presentación da xornalista e divulgadora  Rocío Vidal, La Gata de Schrödinger
Fotos: C.T.
Vista parcial do público que asistiu a terceira xornada da IX Semana da Educación organizada polo Concello de Tomiño

Infogauda / Tomiño 

 “Para ben ou para mal, coas redes sociais todo o mundo ten un altofalante á súa disposición e iso é o campo de abono perfecto para a proliferación de noticias falsas e para fomentar a escravitude do clic”. Así de contundente se amosou Rocío Vidal, La Gata de Schrödinger, durante a terceira xornada da IX Semana da Educación, na que a xornalista e divulgadora debullou ante o público a necesidade dun pensamento crítico para sobrevivir nun mundo de ‘infoxicación’. “A ciencia e a curiosidade son as claves para enfrontarse ás fake news, á intelixencia artificial e ao futuro”, recalcou.  

 Con interesantes xogos nos que comprobou o ollo adestrado do público para detectar informacións e imaxes falsas, Rocío Vidal explicou a importancia de achegarse ao mundo dixital dun xeito prudente ante unha realidade “que sen dúbida nos preocupa”. E fíxoo con datos concretos. “O 64% das persoas que se radicalizan en Facebook por exemplo é a causa do algoritmo, que cada vez van amosando cada vez contido máis extremo”, explicou.  

 Todo isto, unido á imaxe irreal da vida que se amosan nas redes, a divulgación de pseudoterapias ou ás IA replicando os sesgos humanos “pode acabar xerando moita confusión”. “Xa non se pode confiar en nada, nin nos nosos propios sentidos. Por iso é tan importante a alfabetización científica, fomentar o coñecemento e aprender a discriminar o real do irreal. E aí o pensamento crítico e a responsabilidade social e individual son as chaves”, recalcou. “Demonizar a situación actual é un craso erro, o que necesitamos son ferramentas excepcionais para afrontar un panorama excepcional”, rematou.  

 Rocío Vidal dedícase á divulgación científica e do pensamento crítico e traballa para desmontar mitos e timos pseudocientíficos sobre temas moi variados a través de vídeos entretidos e educativos. Xornalista cun mestrado en Comunicación Científica pola Universidade de Barcelona fundou a súa canle de YouTube co obxectivo de tentar fomentar a curiosidade do público, difundir a cultura científica e ensinar a combater a desinformación. É autora tamén dos libros ‘Que lle dean á ciencia’ e ‘Eureka’, colabora con diferentes medios de comunicación e presentou dous programas de temática científica dirixidos por RTVE como ‘Science Truck’ e ‘What!? Tú cómo lo ves’.

Ningún comentario:

Publicar un comentario