8 de feb. de 2024

GALICIA

O Goberno galego dará axudas ás vivendas situadas en zonas de sombra que teñan que adaptar os seus televisores polo apagón TDT SD  

 Rueda explica que os fogares afectados poden chegar a 4.300, espallados por 260 concellos, que son aqueles que xa estaban a recibir o sinal de TDT por satélite e que agora terán que mercar un novo dispositivo que ronda os 400 €


A Xunta vai lanzar unha liña de axudas para apoiar ás 4.300 vivendas da comunidade galega, espalladas por 260 concellos, que poderían estar afectadas por estar en zona de sombra e teñen que adaptar os seus televisores tras o apagón da Televisión Dixital Terrestre (TDT)
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai lanzar unha liña de axudas para apoiar ás 4.300 vivendas da comunidade galega, espalladas por 260 concellos, que poderían estar afectadas por estar en zona de sombra e teñen que adaptar os seus televisores tras o apagón da Televisión Dixital Terrestre (TDT) que se vai producir a vindeira semana.

 O mandatario galego explicou que a partir do 14 de febreiro, tal e como marcou o Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública, vaise producir o apagón da tecnoloxía SD (standar dixital) da TDT, é dicir, só poderá verse a televisión en alta definición ou HD. 

 Tal e como aclarou Rueda, a maioría da poboación galega unicamente terá que resintonizar os canais de televisión ou no caso de contar cun aparello anterior ao ano 2011 mercar un pequeno adaptador para poder acceder ao novo sinal. 

 O problema, segundo resaltou o presidente, está nas vivendas localizadas nas chamadas zonas de sombra ou áreas de exclusión da TDT zona III. Os veciños destas áreas están a recibir o sinal da TDT por satélite e agora deberán mercar un novo dispositivo cun prezo que ronda, de media, os 400€. Trátase dunhas 4.300 vivendas espalladas por 260 concellos. 

 A Xunta trasladou por carta hai dous meses ao Goberno central a súa preocupación pola situación que ían vivir os galegos que residen en zonas de sombra. Rueda lembrou que “é competencia e responsabilidade” do Executivo estatal habilitar axudas para apoiar aos fogares que precisan adaptar os seus televisores á alta definición, pero ante a falta de resposta, a Xunta vai facerse cargo deste gastos. 

 Rueda salientou que o Goberno autonómico “vai sufragar o 100%” do custo de renovar os equipos e a instalación nas primeiras residencias, ata un líimite máximo de 400€. Mentres que se son segunda residencias, apuntou que a estes fogares poderáselles axudar ata o 50% do custo, cun límite máximo de 200€.  

 O mandatario galego salientou que esta achega terá carácter retroactivo, é dicir, aínda que o cambio de dispositivo se faga antes de que se publique a orde de axudas, bastará con acreditar o gasto para poder recibir a cantidade correspondente despois.

 Finalmente, o presidente lamentou “un novo agravio coa poboación rural e as zonas de exclusión social” por parte do Goberno central. “Non lle correspondería á Xunta de Galicia”, indiciu, pero defendeu a habilitación destas achegas por parte da Administración galega, “pola inactividade e falta de axudas ante quen toma a decisión e marca os prazos”, concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario