6 de feb. de 2024

TOMIÑO

“Temos que aproveitar a intelixencia artificial para que faga cousas por nós e así poder dedicarnos a sacar o mellor do ser humano”  

 O mestre e escritor César Bona deu o pistoletazo de saída á IX Semana da Educación cunha charla amena, divertida e moi participativa 

 

A alcaldesa, Sandra González, co escritor e docente César Bona, que deu o pistoletazo de saída á IX Semana da Educación 
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 Tomiño volveu converterse no referente en educación. O escritor e docente César Bona deu o pistoletazo de saída á IX Semana da Educación este luns ante un auditorio de Goián ateigado de público entregado e con ganas de aprender deste mestre considerado como un dos 50 mellores do mundo.  

 “Tomiño xa é un referente grazas a todas e todas vós, que apoiades unha iniciativa na que levamos traballando xa case unha década convencidos e convencidas de que outra educación é posible. E tamén é grazas a persoas como César Bona: é un verdadeiro luxo aprender de todas elas”, asegurou durante a inauguración da xornada a alcaldesa, Sandra González. 

 Durante case dúas horas e de forma amena, divertida e moi participativa, César Bona sinalou ao público o que considera o camiño para humanizar a educación. “Educar é o conxunto de ferramentas que nós lles damos a nenos, nenas e adolescentes para facilitar o seu desenvolvemento integral: físico, mental, social e emocional. Por iso é escoitalos, darlles voz, atender ás cousas importantes que nos queren contar pero que moitas veces non descubrimos porque non lles deixamos expresarse”, resaltou.  

 A través de palabras clave como paradigma, dicotomizar, esencia, ilusión, imaxinación, creatividade ou curiosidade, Bona explicou ao público que “un mestre é alguén que inspira para a vida, alguén que axuda” e que debe sempre “ensinar a dubidar ata do que ensina, fomentando un pensamento crítico, algo que gaña especial relevancia na era das fake news [noticias falsas]”.  

 Durante o encontro, César Bona fixo tamén referencia ás oportunidades que se están a dar nos últimos anos para pararse a reflexionar e repensar a educación. A pandemia ou mesmo a entrada da intelixencia artificial “son momentos de inflexión que non debemos deixar pasar. Non debemos asustarnos da intelixencia artificial, debemos aproveitala para que faga cousas por nós e así nós poder dedicarnos a sacar o mellor de cada ser humano que pasa polas nosas mans”. “O tempo voa, nun abrir e pechar de ollos os nenos e nenas xa non estarán nas nosas aulas e logo igual será moito máis difícil poder acompañalos”, resaltou. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario