9 de feb. de 2024

PONTEVEDRA

Balance de Tráfico 2023   

Abel Losada insiste na apelación á prudencia ao volante ao presentar o balance de sinistralidade do ano 2023 nas estradas, cun total de 24 persoas falecidas  

  Aínda que o número de falecementos increméntase con respecto ao ano anterior está na liña co do período 2018-2021  

  O subdelegado do Goberno amosa a súa preocupación polas cifras de peóns e motoristas que perderon a vida  

  Losada explica que o 59% dos accidentes mortais producíronse en estradas autonómicas, un 36% nas estatais e o 4% nas locais 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada
Foto: S. de G.

Infogauda / Pontevedra  

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada informou hoxe do balance de seguridade viaria da provincia relativo a 2023, ano no que faleceron 24 persoas nas estradas.  

 As cifras enmárcanse nun contexto de maior mobilidade, recuperando os niveis prepandemia, dado que aumentaron un 1,2%  por cento os desprazamentos respecto ao ano anterior e un 2,5 % respecto ao 2019. Ademais, a provincia conta cun parque de vehículos que se sitúa nos 782.242 utilitarios e vehículos industriais e un censo que se eleva ata os 609.301 condutores. 

 O subdelegado do Goberno destacou que se produciron un total de 22 sinistros mortais nos que faleceron 24 persoas, dado que houbo dous sinistros con dous falecidos en Vilaboa e Cambados. Estas cifras supoñen 6 falecidos máis que no 2022, pero os mesmos que no período 2018-2020 e un menos que no 2021. Con todo, constátase un lixeiro descenso da letalidade no caso dos sinistros mortais. 

 Con respecto aos feridos graves, a cifra foi de 96 persoas, e a de feridos leves de 1.364. O número global de sinistros con vítimas foi de 985, o que supón un lixeiro aumento interanual pero unha baixada de 13,4 puntos con respecto a hai cinco anos.  

 Abel Losada sinalou que 20 das 24 persoas falecidas perderon a vida en estradas convencionais, e 4 en vías de alta capacidade. Uns datos que, segundo explicou, alíñanse coas estatísticas nacionais, segundo as que 3 de 4 falecementos se producen neste tipo de vías. Atendendo á titularidade da vía, o subdelegado informou de que o 59 % dos accidentes mortais rexistrados na provincia no 2023 producíronse en estradas autonómicas, un 36 % en vías de titularidade estatal e un 4% en vías municipais. Neste sentido, Losada advertiu da importancia de rexeitar calquera tentación de facer aproveitamento político dos accidentes para dirixir reclamacións ás Administracións doutro color político, pois “queda claro que os accidentes prodúcense en todo tipo de vías e con todo tipo de titularidades”. 

 O subdelegado do Goberno compartiu a súa preocupación polo número de usuarios vulnerables falecidos nas estradas da provincia, xa que representan o 58 % dos falecidos, o que supón un incremento do 30 % con respecto a 2022. No 2023, 7 peóns e 7 motoristas perderon a vida nas estradas da provincia. Como explicou Abel Losada, este incremento débese principalmente ao número de peóns falecidos, xa que no ano 2022 non se rexistrou ningún atropelo mortal. Afortunadamente ningún ciclista e usuario de ciclomotor perdeu a vida durante o 2023. 

 Respecto ás causas dos accidentes con vítimas mortais, o subdelegado indicou que as saídas de vías están detrás do 50 % dos sinistros mortais, mentres que os atropelos e a colisión frontolateral son a causa do  23 % e 13,6 %, respectivamente, dos accidentes con perda de vidas.  En relación á tipoloxía dos usuarios falecidos, 15 vítimas eran condutores, 7 peóns e 2 pasaxeiros. A idade media das vítimas na provincia durante o ano pasado foi de 52 anos e o 75 % das persoas falecidas eran homes.  En canto á franxa horaria máis perigosa, a meirande parte dos accidentes mortais continúan a producirse entre as 07h e as 14h e de luns a venres. Abel Losada sinalou que outubro foi o peor mes de 2023, xa que rexistrou o maior número de accidentes mortais (4) e de vítimas mortais (4), seguido dos meses de xuño e xullo. En xuño houbo 3 accidentes e 3 vítimas mortais e en xullo outros 3 sinistros mortais e outras 3 persoas falecidas. Estes dous meses estivais rexistraron o 25 % das vítimas mortais de 2023. Non obstante, o subdelegado salientou o dato de que durante o mes de agosto non se produciu ningún accidente mortal. 

 En relación aos factores concorrentes nos accidentes con vítimas na provincia, Abel Losada quixo advertir que “o exceso de velocidade estivo presente no 36 % dos accidentes con vítimas mortais e no 23 % dos accidentes con vítimas, así como a condución distraída, que causou tamén o 36 % dos accidentes mortais e o 27 % dos accidentes con vítimas”. 

 En canto aos controis que se realizan tras os accidentes constatouse que un 5,7 % dos condutores sinistrados tiñan consumido alcol. A este respecto, o subdelegado do Goberno informou de que a Garda Civil de Tráfico realizou o ano pasado 200.392 alcoholemias, das que apenas o 2.61 % foron positivas. Ademais, realizáronse 3.773 probas de drogas que nun 53,71 % dos casos foron positivos. 

 O subdelegado aproveitou a ocasión para recalcar que “os sinistros de tráfico son na súa maioría evitables e que reducir esas tráxicas cifras está nas nosas mans se todos redobramos os nosos esforzos con ese obxectivo”. Insistiu en que  “desde este Goberno e esta Subdelegación continuaremos apostando por políticas de seguridade integral para protexer a todas as persoas, en especial aos usuarios vulnerables, nas estradas da provincia”. Por último, Losada quixo reiterar un “chamamento á responsabilidade ao volante, porque evitar as distraccións, respectar as normas e circular a velocidade adecuada son tres simples elementos que poden rebaixar excesivamente estas dramáticas cifras e as traxedias humanas que hai tras elas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario