A Deputación de Pontevedra pon en marcha “Biocosteiro”, o proxecto para conservar e mellorar a biodiversidade en hábitats costeiros galaico-lusos
• Esta iniciativa conta cun orzamento de 750.000 euros e está financiada ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Xunto á Deputación, son socios de “Biocosteiro” SEO/Birdlife e a Cámara Municipal de Viana do Castelo
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha o proxecto “Biocosteiro. Conservación da biodiversidade en hábitats costeiros galaico-portugueses para promover e lograr un desenvolvemento equilibrado das iniciativas locais”, no que SEO/Birdlife e a Cámara Municipal de Viana do Castelo (Portugal) participan como socios. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve ao abeiro do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, que conta cun orzamento total de 750.682 euros, do que o 75 % está financiado polo FEDER.
O obxectivo do proxecto, cuxas primeiras accións comezarán nas próximas semanas, é mellorar a conservación de hábitats costeiros e especies asociadas a estes en España e Portugal, coa posta en marcha de iniciativas de conservación da biodiversidade, principalmente pertencentes á Rede Natura 2000, que irán acompañadas doutras actividades de sensibilización. Ademais, incluirase a promoción e o inicio dun novo modelo de xestión turística responsable e sostible á vez que se reduce a presenza de especies exóticas invasoras.
Na franxa marítimo-terrestre do espazo transfronteirizo que comprende desde a provincia de Pontevedra ata Viana do Castelo conflúen aspectos de especial importancia, coma a gran riqueza patrimonial, cultural, etnográfica, paisaxística e ambiental. Trátase de hábitats con importantes funcións ecosistémicas amparados por figuras de protección ambiental internacional —pero que se atopan transformados debido, entre outras causas, ao desenvolvemento turístico—, que comparten especies de aves migratorias, algunhas en situación de protección ou catalogadas en perigo, vulnerables, ameazadas etc., e a presenza dun problema de emerxencia ecolóxica e socioeconómica: as especies exóticas invasoras.
Deste xeito, o traballo desenvolverase de maneira integral, cun marco de colaboración entre os sectores público e privado, mediante o deseño e realización de mellores prácticas de conservación e xestión turística. Nesa liña, ao proxecto da Deputación súmanse SEO/BirdLife, con 70 anos de experiencia na conservación da natureza e con persoal científico e ornitólogo experto e de recoñecido prestixio, e a Cámara Municipal de Viana do Castelo, que conta cunha oficina técnica forestal que se dedica á conservación e protección das especies autóctonas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario