16 de feb. de 2024

PONTEVEDRA

Xosé Luís Bará: “A presidencia de Ana Pontón é o mellor que lle pode pasar a Galiza neste momento”  

 O cabeza de cartel chama dende Pontevedra a unha mobilización masiva e a concentrar o voto de toda a xente que lle quere ao país no BNG con “ilusión, ganas, e entusiasmo”  

 Mellorar a vida da xente con servizos públicos de calidade e poñer o país a producir, eixos do futuro goberno tras o 18F  


O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Xosé Luís Bará, co alcalde da capital da provincia, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto con un grupo de persoas que lles acompañan nas últimas horas de campaña


Infogauda / Pontevedra 

 “A presidencia de Ana Pontón é o mellor que lle pode pasar a Galiza neste momento”. Esa foi a mensaxe final que hoxe quixo trasladar o cabeza de lista por Pontevedra, Xosé Luís Bará, nas últimas horas de campaña. Subliñou que o BNG está preparado para gobernar o país tras o 18F porque ten equipo, programa e proxecto de futuro, así como a mellor líder que Galiza necesita neste tempo histórico.  

 “Dende o BNG imos ‘pontonizar Galiza’, unir o país, mobilizalo e dinamizalo a través do liderado integrador e amable de Ana Pontón”, asegurou o cabeza de cartel, insistindo en que estas eleccións galegas son “unha encrucillada e un momento decisivo” no que non só hai que escoller o vindeiro goberno da Xunta, senón a Galiza da próxima década.   

 As sensacións na rúa para o BNG, afirmou o candidato, son moi boas, xa que se percibe “un ansia imparable” de cambio e ilusión por que haxa un goberno diferente. “Toca cambio neste momento, pero para que haxa cambio ten que haber unha participación masiva e histórica e a que se concentre todo o voto na candidatura do BNG, que é a que garante de verdade o cambio ilusionante e transformador”, afirmou. Insistiu en que “toda a xente que lle quere a este país, que quere o mellor para Galiza, independentemente do que votase noutras eleccións” ten cabida na papeleta do Bloque.   

 Afirmou Bará que a campaña está a ser extraordinaria, chea de ilusión, de ganas e de entusiasmo de que pasen grandes cousas no país, e proba disto –dixo-  é o nerviosismo e desesperación do PP con ataques “delirantes” nos últimos días contra o BNG. Asegurou, en calquera caso, que o Bloque non vai entrar no xogo e continuará facendo nas horas que faltan unha campaña “impecable” en positivo, explicando á xente as súas alternativas no ámbito da ciencia, da industria, da transformación dos sectores produtivos do país, dos servizos públicos, do feminismo, ou da transición ecolóxica e dixital, que teñen que ser xustas e inclusivas.  

 Dúas ideas centrais, dixo, serán o eixo do novo goberno do BNG: mellorar a vida da xente con servizos públicos de calidade e poñer o país a producir para desenvolver a súa riqueza, xerar empregos e crear oportunidades para a xente.   

Un goberno que acompañe a Pontevedra 

 Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou que o cambio o vindeiro 18F será histórico para Galiza, pero tamén para Pontevedra “porque a nós gustaríanos ter un goberno que nos acompañe como cidade referente, e co BNG vai ser posible”, dixo, afeando que nos últimos 25 anos o Concello non tivo o apoio da Xunta de Galiza do PP.   

 Realizou Lores un chamamento a todas as persoas que están a dubidar o seu voto a que apoien ao Bloque Nacionalista Galego porque “o cambio é posible e suporá un salto adiante cunha Galiza diferente, con futuro, cunha presidenta que confía no país”. Destacou que esa confianza nas posibilidades propias é a que marca a diferenza do BNG con outras forzas: “nós cremos que temos posibilidades inmensas, somos quen de dar saltos adiante e ser referencia cando nos deixan; os galegos cando queremos somos capaces absolutamente de todo”, insistiu. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario