16 de feb. de 2024

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra destinará 190.000 € para apoiar obras de difusión cultural en galego e para a recuperación do patrimonio marítimo-fluvial 

Trátase de dúas convocatorias dirixidas a entidades sen ánimo de lucro que distribuirán 100.000 € para a recuperación do patrimonio marítimo-fluvial orientado á promoción sociocultural e 90.000 € para a edición de obras en galego


 Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases de axudas por valor de 190.000 € para apoiar as entidades sen ánimo de lucro na edición de obras de difusión cultural  en galego e para a recuperación do patrimonio marítimo-fluvial. Destes recursos, tal e como explicou o presidente provincial, Luis López, 100.000 € irán dirixidos á recuperación do patrimonio marítimo-fluvial orientado á promoción sociocultural e 90.000 € para a edición de obras en galego.  

 Os recursos destinados á recuperación do patrimonio marítimo-fluvial permitirán financiar traballos de rehabilitación de embarcacións tradicionais, aparellos de pesca e outros elementos marítimos, e construcións e instalacións en terra promovidos por entidades sen ánimo de lucro. Neste ámbito, o importe máximo por subvención será de 10.000 € e non superará o 80 % do orzamento da actuación.  

 Pola súa banda, os recursos destinados ás entidades sen ánimo de lucro para a edición de obras en galego abranguen desde pezas en papel ata audiovisuais, obras mixtas ou noutros formativos sempre que teñan por finalidade, tal e como detallou o presidente, “difundir traballos de interese para a cultura galega”. Neste caso subvencionarase ata o 70 % do custo total das obras e non excederá os 3.500 € para publicacións en papel, 8.000 € para publicacións audiovisuais ou mixtas e 12.000 € para formatos especializados para persoas con diversidade funcional.  

 O prazo para solicitar as axudas, tanto as dirixidas ao patrimonio marítimo-fluvial coma as destinadas a obras en galego,  será dun mes, contado a partir da publicación das bases de ambas as dúas convocatorias no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario