1 de feb. de 2024

PONTEAREAS

A CIG denuncia unha nova discriminación do persoal laboral do Concello de Ponteareas 

 O goberno municipal propón unha modificación da relación de postos de traballo con incrementos retributivos para determinados postos de persoal funcionario mentres segue sen completarse unha correcta valoración do persoal laboral 


Xavier Rodríguez*

 Na mesa xeral de negociación realizada este pasado xoves 25 de xaneiro, o novo goberno municipal de Ponteareas acordou, cunha proposta de UGT e os votos a favor das suas delegadas funcionarias, unha modificación da RPT (Relación de postos de traballo) que inclúe o incremento do complemento específico de 5 postos de persoal funcionario xustificado nunha maior valoración de diferentes conceptos. A Confederación Intersindical Galega solicitou que estas modificacións, que non entramos a discutir, fosen retiradas para ser levadas nun momento posterior xunto coa valoración de todo o persoal laboral que segue sen ser rematada, para evitar unha nova discriminación deste colectivo. 

 A citada modificación contempla a supresión de varios postos e a creación de outros, cuestión á que de entrada non nos opoñemos, e incluso realizamos achegas que consideramos que melloran a organización dos servizos, pero o que non podemos é aceptar que o persoal peor tratado en materia retributiva do concello, vexa como unha vez máis se revisan as valoracións de determinado persoal funcionario mentres a súa segue parada. 

Instrucións sobre vacacións e permisos 

 Por outra banda, xunto co resto da representación sindical, manifestámoslle ao concelleiro de recursos humanos o malestar do persoal municipal coas instrucións sobre o réxime de vacacións e permisos, adoptadas mediante decreto da alcaldía sen negociación previa, cando é unha materia que afecta as condicións nas que se desenvolve o traballo. 

 Estas instrucións regulan de maneira unilateral cando e como se poden solicitar permisos e vacacións, limitando o seu exercicio e introducindo unha discrecionalidade importante na súa concesión. 

 Por parte da CIG trasladóuselle a nosa disposición a acordar unhas instrucións que ordenen o seu desfrute, pero nunca a aceptación dunhas normas impostas por decreto. 

 Responsábel comarcal de administración local Confederación Intersindical Galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario