5 de feb. de 2024

CULTURA

A Xunta de Galicia apoia a campaña de promoción do libro en galego pola que se repartirán 20.000 escolmas de Rosalía de Castro  

• A proposta, impulsada pola Casa-Museo da autora e a Fundación Xistral, aplicarase a quen merque un libro en lingua galega entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo


O secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación da programación para o Día de Rosalía o vindeiro 23 de febreiro 

Foto: X.G.


Infogauda / Padrón (A Coruña)

 Como cada ano, a Xunta de Galicia conmemorará o Día de Rosalía o vindeiro 23 de febreiro colaborando cunha ampla programación cultural e gastronómica entre a que se inclúe, como novidade, unha campaña de promoción do libro en galego pola que se repartirán 20.000 escolmas da autora de Follas Novas.

 Así o indicou hoxe en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que saudou esta nova iniciativa “coa que non só celebramos e enxalzamos a figura de Rosalía, referente para todas e todos os galegos, senón que chamamos á sociedade a ler na lingua propia, algo no que Rosalía foi precursora no seu tempo”. Deste xeito, cada persoa que merque un libro en galego entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo recibirá como agasallo un exemplar de Celebramos Rosalía, unha escolma de textos rosalianos realizada por Anxo Angueira.

 A campaña, impulsada pola Fundación Rosalía de Castro e a Fundación Xistral, conta, ademais de co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, coa colaboración da Federación de Libreiros de Galicia, A Asociación de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e El Corte Inglés.

 Na rolda de prensa, que acolleu como de costume a Casa-Museo da autora, tamén participaron Anxo Angueira, presidente de dita entidade; Carlos Blanco, responsable da Fundación Xistral; Anxo Arca, alcalde de Padrón, e os representantes da Asociación de Gaiteiros.

Lecturas, alborada e Caldo de Gloria

 Doutra banda, os actos oficiais para o día 23 estarán repartidos como é habitual entre Santiago e Padrón, lugares de nacemento e pasamento da homenaxeada, respectivamente. A celebración comezará ás 10,00 horas coa lectura de poemas por parte do alumnado dos institutos IES Camilo José Cela e IES Macías O Namorado diante da Estatua de Rosalía, en Padrón. De aí, os festexos trasladaranse a Santiago, onde ás 11,00 horas haberá alborada cos Carapaus e ofrenda floral na praza de Vigo, preto de onde naceu Rosalía hai 187 anos.

 O acto central do día terá lugar ás 12,00 horas no Hostal dos Reis Católicos, na Praza do Obradoiro, onde se realizará unha lectura de poemas seguida dunha actuación dos Carapaus, a cantante Faia, integrante de De Vacas, e o alumnado da Escola de Música de Santiago.

 Xa pola tarde, a Casa de Rosalía volverá acoller unha nova edición do Caldo de Gloria da man de Suso, responsable do restaurante compostelán O Dezaseis, e a cantante Uxía, que ofrecerán a súa versión da famosa receita de Rosalía aos presentes.

 Ademais, ao Caldo de Gloria xa se sumaron numerosos hostaleiros e comedores escolares, así como concellos e empresas de toda a xeografía galega. Para iso, a Xunta, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, repartiu 60.000 manteis de papel co poema que inspirou esta iniciativa, “Miña casiña, meu lar”, no que a poeta explica como facer un caldo humilde.

 O broche final a un día de celebracións poñerao a cantora Faia cunha actuación no auditorio da Casa-Museo ás 20,00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario