“ALICERCE GUARDÉS”: SUSTENTANDO DEPORTE E TRADICIÓNS DE NOSO
• A Guarda segue apostando pola arte ó aire libre e estrea novo mural da man da ilustradora e muralista Tamara Baz
Infogauda / A Guarda
A pintura “Alicerce guardés”, realizada por Tamara Baz Alonso (A Guarda, 1985), con máis de 200m2 intervidos no muro exterior do Estadio Municipal de Fútbol A Sangriña (Paseo de Portugal, s/nº), saúda a comunidade (alumnado, profesorado e nais/pais) do IES A Sangriña; da a benvida ós peregrinos que chegan á vila dende Portugal e acompaña a tantas veciñas e veciños que acostuman a pasear arredor do monte Santa Trega e en especial aqueles que empregan estas instalacións deportivas.
Respecto a esa obra, Tamara Baz refire: “Dende o punto de vista conceptual afrontouse o deseño dende dous liñas de traballo diferenciadas pola propia morfoloxía do muro. Por unha banda adicouse a área da entrada ó ámbito futbolístico destacando os valores positivos intrínsecos deste deporte: compañeirismo, esforzo, superación,..., salientando a integración, o respecto e igualdade, como ben leva dando exemplo a equipa feminina guardesa que comenzou a súa andaina xa en 1996. A gama cromática empregada neste primer tramo en especial a cor amarela fan unha chiscadela o equipo local.
A segunda parte da intervención fálanos do propio pobo pondo en valor a súa orixe e tradición. Empréganse as cores turquesas, azuis e verdes que falan da natureza da contorna misturadas con elementos do propio patrimonio. As figuras ilustradas amosan a nosa tradición a través de elementos mariñeiros autóctonos como as máns dunha redeira ou as señoras con pano cargando as canastras de argazo ou peixe. Outra das figuras, un neno que leva o popular volanteiro Piueiro nos brazos, está inspirado na icónica imaxe do fotógrafo alaricano José Suárez, finado precisamente na Guarda”.
SOBRE A ARTISTA TAMARA BAZ
Ilustradora e muralista guardesa con máis de 15 anos de experiencia no sector gráfico. Comeza a sua carreira como deseñadora gráfica durante 7 anos nun estudio de deseño multidisciplinar para despois dar o salto ó mundo independente, onde combina proxectos de ilustración e muralismo.
Realizou intervencións murales con pintura plástica e aerosol en diferentes festivais de arte urbana como “Vigo Cidade de Cor” (Vigo, 2020) - de cuxa primeira edición, en 2019, Tamara Baz foi a gañadora -, “Elas tamén pintan” (Compostela, 2021), “Improvisdado” (O Porriño, 2021), ”Delasfest” (Compostela, 2022), “Cíes Talent” (Navia - Vigo, 2022) ou “ViolenciaZero” 2023.
O seu traballo publicouse en “Flamantes. Libro de Artistas” e no recopilatorio de ilustradoras “Creativas Galegas” ademáis de ser unha das artistas convidadas na exposición «1984, Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega» no Auditorio de Galicia (Compostela).
Ningún comentario:
Publicar un comentario