14 de dec. de 2023

TOMIÑO

A XUNTA DE GALICIA AUTORIZA O CAMBIO DE TITULARIDADE A PROL DO CONCELLO DE TOMIÑO DA ESTRADA PO-195 AO SEU PASO POR FORCADELA 

 Transfírese un treito de algo máis de 1,5 quilómetros desta vía autonómica co seu dominio público viario, incluíndo a obra de paso sobre o río do Hospital da Briña, agás os nós de conexión coa PO-552 no seu inicio e final 

 O cambio de titularidade materialízase tras completar a Xunta en agosto deste ano as obras de mellora de seguridade viaria e da mobilidade coa execución dunha senda peonil no treito antigo da PO-552, de 390 metros pola marxe esquerda da vía


Infogauda / Tomiño 

 O Consello da Xunta autorizou hoxe o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño da estrada PO-195 en Forcadela, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+020 e o 1+530, incluído o seu dominio público viario. 

 En concreto, transfírese un treito desta vía autonómica de algo máis de 1,5 quilómetros de lonxitude, no que se que inclúe a obra de paso sobre o río do Hospital da Briña, agás os nós de conexión coa PO-552 no seu inicio e final. 

 Esta transferencia autorízase logo de rematar a Xunta en agosto deste ano as obras de construción dunha senda peonil ao seu paso por Forcadela, que supuxo un investimento autonómico de preto de 50.000 euros. 

 Esta intervención de mellora da seguridade e da mobilidade permitiu habilitar un itinerario peonil nun treito antigo da PO-552, de 390 metros de lonxitude na marxe esquerda da vía, entre o cruzamento coa PO-552, no quilómetro 0+050, e a beirarrúa existente no quilómetro 0+440. 

 Concretamente, habilitouse unha nova senda de formigón duns 2 metros de largo mínimo, mantendo a calzada de dous carrís. O novo itinerario é de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos. 

 Nesta intervención buscouse adaptar a senda á rasante existente e executouse separada por un bordo elevado uns 6 centímetros e unhas beiravías que non superan 0,5 metros na marxe sobre a que se actuou. Para acadar este obxectivo, readaptouse lixeiramente a drenaxe da plataforma, para o que se dispuxeron sumidoiros conectados ás obras de drenaxe transversal. 

 Ademais, como as obras de drenaxe transversal existentes estaban bastante próximas á calzada, os traballos incluíron a execución dunha pasarela de madeira que cubre a canle de rega entre os quilómetros 0+100 e o 0+120, permitindo o paso de peóns. Deste xeito, o largo do novo itinerario vai desde 2 metros nos seus extremos coa senda de formigón ata os 3,6 metros para permitir unha correcta ancoraxe no terreo adxacente á canle de rega. 

 Co cambio de titularidade, o Concello de Tomiño terá a competencia para actuar neste treito da estrada PO-195 ao seu paso por Forcadela e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento. 

 O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Ningún comentario:

Publicar un comentario