25 de abr. de 2026

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

MÚSICA E PALABRAS

 O próximo venres, día 1º de maio, ás 20:00 horas, na Casa de Montes de Camposancos




Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos e a asociación Rego de Bicosán, convidan á toda á cidadanía a unha nova edición de Música e Palabras. Unha actividade sociocultural que vén celebrándose - agás algunha excepción puntual ou no período de descanso estival - cada primeiro venres de mes. Nesta oportunidade será o día 1º de maio, ás 20:00 horas, na Casa de Montes de Camposancos.

 Música e Palabras é - en primeiro lugar - un espazo consolidado para a convivencia entre persoas veciñas de Camposancos e todas aquelas que, procedentes doutros lugares da contorna, desexen sumarse, ben como ouvintes ou tamén como participantes, achegando súa presenza e compartindo - se así o desexan - seu talento cos demais asistentes. E esa capacidade intelectual ou habilidade natural, que en maior ou menor medida, todo ser humano posúe, ben merece ser compartida cos demais, para goce persoal e comunitario.

 Qué bonito é poder escoitar as persoas que previamente fixeron unha escolma poética para logo declamala en voz alta, coa entoación, sentimento e xeitos oportunos!

 E qué fermoso é, por exemplo, crear un relato baseado en feitos reais - ou non - e darlle a fasquía literaria ou persoal do autor ou autora, e compartilo oralmente coa audiencia!

 Porque Música e Palabras convida á iso: a degustar a beleza da arte, da poesía, da música,...

 E na música, ademais da participación da cantautora María José Baz Martínez, que coa súa guitarra ven poñendo o pano de fondo as voces poéticas dos intervinientes, tamén hai oco para que se alguén así o desexa, poida interpretar, poñamos por caso, unha peza musical cun acordeón, unha frauta, unha gaita,..., ou calquer outro instrumento.

 A xeito de epílogo de cada sesión de Música e Palabras, antes de pechar as luces da Casa de Montes de Camposancos, tamén hai momentos para a conversa e mesmo para o goce de petiscos que incentivan o obxectivo de facer e sermos comunidade.

 Ainda que non é preciso decilo, porque sempre foi así, queremos indicar, por se alguén o descoñece, que o acceso a Música e Palabras é totalmente libre e de balde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario