Goián, un lenzo en vivo
• O recoñecido artista Joseba Muruzábal está a crear un mural en homenaxe ao pintor Antonio Fernández reinterpretando algúns dos seus cadros
Infogauda / Tomiño
As paredes contan historias cando a arte tomar as rúas. Goián estase a converter nun lenzo vivo grazas á intervención do recoñecido artista galego Joseba Muruzábal, coñecido como Yoseba MP, que está homenaxear ao Antonio Fernández enchendo de cultura, memoria e identidade a praza que leva o nome do pintor goianés.
Pincelada a pincelada, o artista de Cambre está a crear un mural no que reinterpreta algúns dos cadros de Antonio Fernández nunha traballo consensuado coa Asociación Cultural Pintor Antonio Fernández que busca achegar a figura do pintor á veciñanza desde unha linguaxe contemporánea e accesible.
Muruzábal conta cunha ampla traxectoria internacional no ámbito da arte urbana e é especialmente coñecido pola súa serie “Fenómenas do rural”, na que transforma mulleres maiores en auténticas superheroínas, reivindicando o seu papel na sociedade. O seu estilo combina realismo, fotografía e elementos do cómic cun toque surrealista, creando pezas de gran formato que xa forman parte da paisaxe de numerosos concellos galegos.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o valor destas intervencións como ferramenta de transformación social. “A arte urbana ten a capacidade de cambiar a ollada sobre os espazos e tamén sobre nós mesmos. Con murais como o de Muruzábal e moitos outros que estamos a facer no noso concello non só embelecemos a nosa contorna, senón que facemos visible a nosa historia e a nosa identidade dun xeito aberto e compartido”, recalcou.
A rexedora engadiu ademais que “levar a obra de Antonio Fernández á rúa, reinterpretada por un artista contemporáneo, é unha maneira de conectar xeracións, de facer que o legado cultural siga vivo e dialogando co presente”.
Outro mural para soñar en equipo
A esta intervención súmase tamén o novo mural que o artista vigués Delio Rodríguez está a realizar no campo de fútbol da Carballa, unha obra que pon no centro á rapazada do municipio, ás nenas e nenos que enchen o campo de ilusión, esforzo e soños. Entre as figuras representadas destaca a presenza dun novo Pablo Durán, actualmente nas filas do R.C. Celta e formado na canteira do A.D. Tomiño, converténdose nun símbolo de inspiración para as novas xeracións.
Delio Rodríguez, cunha sólida traxectoria no muralismo e recoñecemento internacional, incluíndo o segundo posto ao mellor mural do mundo en 2025 segundo Street Art Cities, achega así unha proposta artística que conecta deporte, comunidade e futuro.
Con estas intervencións, Tomiño reafirma a súa aposta pola arte urbana como motor de dinamización cultural e social, convertendo os seus espazos públicos en lugares vivos que dialogan coa cidadanía e proxectan a identidade do municipio máis alá das súas fronteiras.

Ningún comentario:
Publicar un comentario