A Xunta de Galicia divulga o talento artístico galego coa inauguración da mostra de Manolo Paz en Nova York
• López Campos destaca a oportunidade que supón esta iniciativa para proxectar a cultura galega no exterior na antesala da celebración do Xacobeo 2027
Fotos: X.G.
Infogauda / Nova York (Os Estados Unidos de América)
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou en Nova York a mostra A distancia que une do escultor Manolo Paz que está instalada na zona de Park Avenue. Trátase dunha iniciativa que, tal e como explicou o conselleiro, abre unha ventá “para divulgar e proxectar a cultura galega no exterior na antesala da celebración do Xacobeo 2027”.
“Manolo Paz é un dos escultores más singulares da escena artística galega polo que resulta o mellor embaixador para dar mostra da nosa Galicia Calidade e atraer o interese do turismo cultural internacional”, destacou López Campos antes de engadir que a exhibición destas pezas nunha das principais avenidas de Nova York “é unha enorme oportunidade de promoción da nosa cultura e de Galicia en xeral”.
Acompañado polo secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o representante da Xunta de Galicia fixo fincapé na importancia que terá tamén esta iniciativa par ao turismo ao facilitar que os cidadáns e visitantes desta cidade poidan coñecer “o talento artístico de Galicia e espertar así o seu interese polo resto da riqueza que poden atopar na nosa Comunidade e que poderán descubrir durante a celebración do Xacobeo”.
Por outra banda, o conselleiro de Cultura explicou que a inauguración desta exposición, na que se inclúen dez esculturas icónicas de Manolo Paz, é posible grazas á colaboración da Xunta de Galicia coa Fundación Manolo Paz e que conta cunha achega de 180.000€ por parte do Goberno galego. Trátase dun conxunto de pezas que renden homenaxe aos anos que o artista estivo vivindo e traballando en Nova York e que inclúe obras como Catedrais, unha escultura elaborada en pedra cuarcita, que se vencella simbolicamente cos rañaceos da cidade.
Xunto a esta, exhibiranse catro esculturas metálicas que evocan a Nova York. É o caso dunha versión vermella de Transparencias ou das tres creacións da súa serie NASA en branco, azul e vermello, facendo referencia á bandeira dos Estados Unidos de América. Son complexos crebacabezas tridimensionais que se relacionan coa cuadrícula das rúas e edificios da urbe.
Natural de Cambados, Manolo Paz busca coa súa obra transformar a materia inerte en obras de arte, traballando con materiais industriais como o formigón ou o metal, alternando o seu protagonismo na súa produción con elementos naturais como o granito ou a madeira.
O seu traballo forma parte xa das paisaxes urbanas de Galicia, Xapón, Bruxelas ou Stuttgart. Ademais, algunhas das pezas expostas agora en Nova York xa formaron parte da instalación que se puido contemplar nun dos paseos máis emblemáticos de Madrid: o eixo formado polo Paseo do Prado e o Paseo de Recoletos, ocupando espazos como a Praza de Cibeles ou os xardíns do Museo Thyssen-Bornemisza, con motivo da declaración como Patrimonio da Humanidade pola Unesco do Paisaxe da Luz.


Ningún comentario:
Publicar un comentario