BALONMÁN FEMININO
O Guardés medirase ao Michalovce eslovaco polo título europeo, que se decidirá na Sangriña
• O MSK IUVENTA Michalovce deu a sorpresa este domingo ao remontar os seis goles de ida cos que o Bursa Büyüksehir BSK turco chegaba á segunda semifinal da EHF European Cup, e será o rival do equipo baixomiñoto na final polo título continental
• Os antecedentes de ambos os conxuntos na competición colocan ao Guardés automaticamente como local no partido definitivo, xa que a súa última final no torneo xogouna como visitante en casa do Konyaalti
• Por tanto, o calendario queda do seguinte xeito: ida do 16-17 de maio en Eslovaquia e volta o 23-24 na Sangriña
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés xa coñece o seu destino para a eliminatoria decisiva polo título da EHF European Cup 2025/2026, e o equipo baixomiñoto non puido ter máis sorte. Con remontada incluída, as eslovacas do MSK IUVENTA Michalovce obtiveron o billete na segunda semifinal xogada este domingo e serán o rival do equipo baixomiñoto polo título continental. Ademais, dado o historial de dereitos de pista de ambos os conxuntos na competición, a designación deste rival en lugar do Bursa Büyüksehir turco, cuarto semifinalista, decreta automaticamente ao Guardés como anfitrión no partido decisivo da última eliminatoria. Noutras palabras, o campión da Copa europea decidirase o 23 ou 24 de maio na Sangriña, onde a afección de O Inferno terá a última palabra unha semana despois da ida, o 16 ou 17 en Eslovaquia.
Byala, Erice, Elxe, Málaga e agora Michalovce. O Guardés completou este domingo o seu itinerario de viaxe na EHF European Cup coa parada que lle faltaba: a da final polo título. E non puido ter mellor sorte ao facelo, pois a clasificación das eslovacas o beneficia de varios xeitos.
Despois da vitoria de categoría do equipo baixomiñoto ante o seu compatriota Costa del Sol Málaga este sábado na Sangriña, onte chegaba o momento de decidir ao segundo finalista do torneo continental, que sairía do vencedor da segunda semifinal entre o MSK IUVENTA Michalovce eslovaco, local pero con cinco goles de desvantaxe da ida, e o Bursa Büyüksehir BSK de Turquía, a priori favorito para obter o ansiado billete. Pero chegou a sorpresa, e un último gol a menos de 20 segundos da bucina selou a fazaña eslava: seis acertos de remontada, precisamente os que necesitaba para desfacer a vantaxe otomá da ida (34-29 ida, 19-25 volta; 53-54 o global).
E se o fito das de Michalovce foi unha gran noticia para elas, tamén o recibiu de boa gana o Mecalia, pois a súa clasificación implica automaticamente que o partido definitivo desa esperada final continental xóguese ante a afección guardesa. O regulamento de EHF define que os dereitos de pista na gran final do seu torneo copeiro dependen do historial de cada equipo nas súas participacións previas nesta eliminatoria definitiva, de habelas: é dicir, como o IUVENTA xa xogou de anfitrión no partido de ida da súa última final, a que perdeu contra o Elxe en 2024, neste caso tocaríalle pechar a rolda como visitante. E, do mesmo xeito, xa que o Guardés debeu decidir a edición do 2023 en casa do Konyaalti turco, nesta ocasión a súa pista terá a última palabra. Un feito importantísimo e quizá crucial para un equipo baixomiñoto que conta na bancada á súa sétima xogadora, e que non estaba garantido se se tivese clasificado o Bursa, xa que ao tratarse do primeira final da historia para as turcas teríase que celebrar un sorteo para determinar a orde dos encontros.
Pero por unha vez, a sorte estivo ao lado das de Ana Seabra e non haberá que temer unha nova traxedia no país mediterráneo como a sucedida hai tres anos, senón que O Inferno vivirá un dos momentos máis esperados da tempada guardesa. Así, o Club baixomiñoto xa ten novas datas ás que mirar no seu calendario: viaxará a Eslovaquia a fin de semana do 16 e 17 de maio, unha semana despois da Copa da Raíña; para acoller o partido do ano ante unha vila guardesa pletórica o 23 e 24. Unha cita que subliñar con iluminador fosforito para todo o deporte galego e o balonmán español, que revalida o mérito dun persoal capaz do imposible cando cree no seu traballo e agárrase ao apoio dunha afección incansable.
Polo demais, ningún rival pode ser un alivio a estas alturas da competición, aínda que o reto é o que máis se desfruta. O MSK IUVENTA, procedente da turística cidade de Michalovce, duns 34.000 habitantes, é un dos veteranos do balonmán europeo, chegando a militar na Champions League en varias ocasións, a última delas na campaña 2016/2017. Desde entón, cada ano estivo activo ou ben na EHF Cup, na EHF European League ou na actual EHF European Cup, que estivo a piques de coroar hai dúas tempadas de non ser pola potencia dun Atticgo BM Elxe que se alzou gañador.
Este curso, avanzou sen descanso desde a Rolda 3, co único tropezo da súa visita ao Bursa que finalmente terminou por aplacar; levantado por un persoal na que destacan as extremos Martina Popovcová e Aline Bieger (38 e 32 goles respectivamente) ou a lateral Karina Soskyda (34) como feras atacantes, así como a protección da portería da gardameta Iryna Yablonska, que na semifinal de onte alcanzou a temible cifra de 19 paradas e un 51% de efectividade.
En definitiva, é hora de sacar a lousa e estudar a un rival ata o de agora descoñecido. Unha tarefa que ninguén dá por feito que será sinxela chegados a este punto, pero aí está a graza: na ilusión por competir e facerse un oco entre as máis grandes.
Ana Seabra: “Seguro que en Eslovaquia teremos un ambiente digno dunha final europea”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, valorou o resultado da segunda semifinal da EHF European Cup deixando claro que “sen dúbida, calquera dos dous equipos sería un rival difícil na final”, pero destacando ao Michalovce como “un equipo intenso e con recursos, que demostrou por que chegou ata aquí”. Do mesmo xeito, a técnica espera do primeiro partido un gran reto, pero tamén unha ocasión emocionante: “Seguro que en Eslovaquia teremos un ambiente digno para unha final europea”, indicou.
Por todo iso, o obxectivo é estar á altura, e a preparadora xa avanzou que se poñerán a traballar canto antes para “dar o mellor de nós mesmas nestes dous partidos” e, sobre todo, “aproveitar unha oportunidade deportiva máis”. En concreto, a filosofía de ir partido a partido mantense, e Seabra ve a eliminatoria como un global no que buscarán “conseguir un bo resultado no primeiro partido en Eslovaquia e poder así traer á Sangriña un marcador que de verdade nos permita soñar”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario