Os comuneiros de Salcidos celebraron asemblea xeral ordinaria
Redacción / Salcidos
O pasado domingo día 26 de abril, no local social sito na Subida ou Torroso, celebrouse a asemblea xeral ordinaria da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos.
Asistiu o 85% do Censo de Comuneiros, con algunhas ausencias xustificadas por enfermidade ou asuntos propios.
O presidente deu a benvida aos asistentes e tras unhas breves palabras cedeu a testemuña aos distintos cargos da xunta reitora que foron debullando o contido da orde do día.
Despois de pasar a obrigatoria lista, pasouse a ler a acta da asemblea anterior, a cal se aprobou por unanimidade.
Informouse dos traballos efectuados o ano anterior, tales como rozas e limpezas en diversas partes do Monte Torroso, Fonte Bieita e Baixada á Xunqueira de Salcidos, onde se sitúa o Cámping Santa Tecla, asi como mantemento e mellora do Parque inclusivo Monte Torroso.
Tamén informouse os presentes, do estado da reclamación do Monte Santa Trega, que a petición do perito xudicial, se suspenderon dúas datas sinaladas para o xuízo, xa que non habia terminado o seu informe. Se está a espera de nova data.
Tamén se informou das conversacións efectuadas con Costas de Galicia e do Estado Español, respectivamente, polo permiso de arranxo da pista de acceso ao cámping e soterramento da liña eléctrica.
Deuse conta dos gastos e ingresos do pasado exercicio e orzamento para este ano. Neste último resaltan as partidas marcadas para a construcción de muros de pedra nas futuras zonas de aparcamento, almacenaxe e cargadoiro de madeira das curtas de piñeiros que se efectúen. Así como o arranxo do firme, a base de pedra aserrada, na zona da fonte, enfronte a Casa da Comunidade.
Tamén se informou doutra partida importante para seguir as escavacións no castro do Pico da Bandeira, onde xa o pasado ano fíxose unha importante intervención descubrindo dúas construccións castrexas, e importantes restos de cerámica de diversa tipoloxía.
Por outra banda, dentro do Plan "Os ollos no Monte" instalaranse cámaras de vixilancia en diversos enclaves do monte, unhas visibles e outras camufladas. Tamén se apuntaron varios comuneiros/as para realizar patrullas de vixilancia, tanto diúrnas como nocturnas, tal e como se fixo o pasado ano.
Asemade, tras o gran éxito da pasada edición, acordouse celebrar de novo a Festa Cultural e Gastronómica do Parque Monte Torroso, incluíndo o Concurso de Escultura en Pedra, onde as tres primeiras obras clasificadas na primeira edición xa locen no Parque da Comunidade.
Asi mesmo tamén se arranxarán as pistas forestais, e xa se están realizando importantes tarefas de rozas, limpeza, poda e desbastes en zonas de novas plantacións, así como erradicación de especies invasoras.
Asemade faránse algunhas andainas guiadas, como en anos anteriores.
Todos os puntos foron aprobados por unanimidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario