O Rosal acollerá o I Máster Baixo Miño de futbolín
• O torneo, que se celebrará do 1 ao 3 de maio no Restaurante Juan, reunirá a algúns dos mellores xogadores estatais e repartirá máis de 9.000 euros en premios
• Aberto ata o 29 de abril o prazo para inscribirse
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
Emoción partida a partida. O Rosal prepárase xa para acoller o I Máster Baixo Miño de Futbolín, un torneo que se celebrará do venres, día 1 ao domingo 3 de maio, e que repartirá máis de 9.000€ en premios entre todas e todos os participantes.
Durante a presentación deste encontro deportivo, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, puxo en valor a celebración deste evento no Rosal, “unha cita que pon en valor un xogo moi arraigado na nosa terra e que atraerá a persoas de diferentes puntos xerando dinamismo e actividade no municipio”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, destacou o traballo da organización e o potencial do máster, “un torneo resultado do seu esforzo e paixón polo futbolín. Estamos seguras e seguros de que será un éxito e de que contribuirá a seguir posicionando O Rosal como referente tamén neste ámbito deportivo”.
O acto de presentación tamén contou coa presenza de patrocinadores e representantes do mundo deste deporte tradicional. Entre eles, achegáronse ata O Rosal, Marcos González Lago, xerente de Nahomar, unha das empresas promotoras e impulsoras deste torneo, ou Juan Ramón Martínez Barbosa, director de Planeta Futbolín.
Un dos organizadores do máster, Diego Mariño, primeiro xogador elite da zona e presidente do club Baixo Miño Futbolín, estivo acompañado por Sheila Méndez, tamén xogadora, e desvelou as claves deste campionato en mesas Presas EVO que entrou xa, por méritos propios, no calendario oficial de torneos nacionais.
A competición, que xa ten confirmada a participación dalgúns dos mellores xogadores de España, disputarase nas amplas instalacións do Restaurante Juan con diferentes categorías e modalidades (cego, movemento, parado e feminino).
O prazo para anotarse rematará o mércores 29 de abril ás 20:00 horas. Para formalizar a inscrición (25 €/xogador) ou para máis información, pódese contactar con Diego Mariño no teléfono 660 853 422.
Dende o Concello do Rosal e do propio club Baixo Miño Futbolín convidan á veciñanza tanto a participar como a gozar desta xornada lúdica e deportiva que, a bo seguro, atraerá a centos de visitantes de diferentes comunidades autónomas á vila.

Ningún comentario:
Publicar un comentario